Nova

Compartir

A Xunta porá en valor 235 hectáreas de terreo en Pontevedra na segunda fase do Plan de pastos cun investimento de 1,4 M€

Para toda Galicia, esta segunda fase está dotada con 4 millóns de euros, que permitirán actuar en arredor de 744 hectáreas de 30 montes veciñais en 24 concellos

O plan recolle ata catro fases de execución, coas que está previsto actuar, en total, nunha superficie aproximada de 2.250 hectáreas cun investimento global duns 9,5 millóns de euros para o conxunto da nosa comunidade

A Lama (Pontevedra), 3 de maio de 2021.- A Xunta actuará en 235 hectáreas de terreo dentro da provincia de Pontevedra, cun investimento de 1,4 millóns de euros, nos traballos correspondentes á segunda fase do plan de pastos. Para toda Galicia, esta segunda fase está dotada con 4 millóns de euros, que permitirán actuar en arredor de 744 hectáreas de 30 montes veciñais en 24 concellos.

O conxunto da planificación recolle ata catro fases de execución, coas que está previsto actuar, en total, nunha superficie aproximada de 2.250 hectáreas cun investimento global duns 9,5 millóns de euros en toda a comunidade.

Así o destacou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, na visita a un pasteiro acondicionado no municipio pontevedrés da Lama durante a primeira fase deste plan. No seu percorrido, o conselleiro estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo delegado territorial da Xunta na provincia, Luis López.

José González explicou que a primeira fase do plan de pastos, que vén de rematar, supuxo no conxunto de Galicia actuacións nunhas 560 hectáreas de terreo de 14 montes veciñais doutros tantos concellos, cun investimento total de 2,3 millóns de euros.

O conselleiro salientou que, neste caso concreto da Lama, os labores realizados na parroquia de Verducido permitiron poñer en valor preto de 26 hectáreas e explicou que nesta primeira fase do devandito plan executáronse ademais outros dous pasteiros dentro da provincia pontevedresa, nos concellos de Covelo e Cerdedo-Cotobade. Estas tres actuacións supuxeron o acondicionamento de máis de 270 hectáreas, cunha achega, por parte da Xunta, de algo máis de 800.000 euros.

Roza, sementados e infraestruturas

Nesta liña, José González trasladou que estas intervencións do plan de pastos supuxeron a roza, os sementados e a construción de infraestruturas como pistas e peches, así como o establecemento de mangas de manexo do gando, a posta a disposición de comedeiros ou bebedeiros e a dotación de pasos canadenses.

Con estes traballos, sinalou o conselleiro, os titulares das explotacións benefícianse por varios motivos, como son o acondicionamento das parcelas, a ampliación da súa base territorial e o cumprimento das determinacións en materia de benestar, seguridade e saúde animal.

Neste mesmo sentido, José González engadiu que se trata de promover “un mellor aproveitamento dos recursos naturais para traballar na anticipación aos incendios forestais e para garantir a rendibilidade das explotacións”, ao facilitarlles máis base territorial e proporcionarlles “novas ferramentas para xerar oportunidades de riqueza no rural”.

Plan preventivo de incendios

Precisamente en relación coa loita fronte o lume, o conselleiro destacou que este plan de pastos é unha medida complementaria do Plan preventivo que a Xunta ten en marcha, coa previsión de investir case 30 millóns de euros para actuar en máis de 58.000 hectáreas de territorio e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación.

Por último, José González amosou a súa confianza en seguir avanzando na loita contra o abandono e na anticipación aos lumes con plans como este de pastos e “co amparo legal que nos ofrecerá a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, actualmente en trámite parlamentario”.

Galería

A Xunta porá en valor 235 hectáreas de terreo en Pontevedra na segunda fase do Plan de pastos cun investimento de 1,4 M€
A Xunta porá en valor 235 hectáreas de terreo en Pontevedra na segunda fase do Plan de pastos cun investimento de 1,4 M€