Nova

Compartir

A Xunta destaca as oportunidades que ofrece aos emprendedores rurais o sector da planta ornamental en Galicia

1 de 1

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou esta mañá na apertura do curso Iniciación ao emprendemento: Produción de plantas ornamentais, que se imparte no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias

José Luis Cabarcos lembrou que a Xunta está a impulsar unha Estratexia específica para este eido produtivo da planta ornamental, co fin de fomentar a súa expansión e crecemento en Galicia

Ribadeo (Lugo), 15 de maio de 2024

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, acompañado polo alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, destacou esta mañá as oportunidades que presenta para os emprendedores o sector da planta ornamental na nosa comunidade autónoma. Cabarcos participou na apertura do curso Iniciación ao emprendemento: Produción de plantas ornamentais, que se imparte no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias de Ribadeo, adscrito á Consellería do Medio Rural.

 

Esta acción formativa vai dirixida a persoas vinculadas profesionalmente ao sector primario agrario ou con expectativas de incorporación. Ten unha duración de 50 horas lectivas e prolongarase ata o vindeiro día 12 de xuño, xornada na que rematará cunha visita a viveiros da zona.

 

Segundo sinalou o director, o curso ten unha clara vocación vencellada á promoción e emprendemento neste sector, debido ao aumento na demanda e a vantaxe competitiva de Galicia para producir planta ornamental con fins de exportación. Este tipo de xornadas facilitan a posibilidade de iniciar un proxecto de emprendemento, favorecendo as instalacións necesarias aos interesados e colaborando coa Asociación de Viveiristas do Noroeste para os seus primeiros clientes.

 

O programa do curso abrangue dende os conceptos básicos do viveirismo e a preparación de chans e substratos ata a preparación e acondicionamento de plantas para a venda, pasando por aspectos como a reprodución de planta por semente ou por enxerto, as necesidades hídricas das plantas, o abonado ou a sanidade vexetal.

 

Na súa intervención neste acto, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria lembrou que a Xunta está a impulsar unha Estratexia específica para este eido produtivo da planta ornamental. Esta iniciativa responde á importancia crecente deste sector, con novas oportunidades de negocio pendentes de explotar. Pretende ser a folla de ruta para a expansión e crecemento do sector, aproveitando as importantes vantaxes competitivas que se están a dar na actualidade, procurando novas especies e nova xenética que se adapte ao clima de Galicia, para impulsar esta actividade na nosa comunidade no horizonte da vindeira década.

 

Imaxes relacionadas