Nova

Compartir

A Xunta aposta pola recuperación das variedades autóctonas de trigo para fomentar a produción de pan galego con selo de calidade

1 de 2
2 de 2

O director da Axencia Galega da Calidade, José Luis Cabarcos, participou esta mañá nunha mesa redonda enmarcada no programa de actividades con motivo do Día do Pan, organizadas pola Asociación Provincial de Industrias de Panadería e Pastelería de Pontevedra na localidade de Lalín

Na súa intervención resaltou o traballo que se está a facer desde o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo pola recuperación das variedades de trigo autóctono, das que se está a aumentar a produción e rendemento

Este tipo de accións benefician ao sector agrario galego, xa que se está incrementando a superficie produtiva e o número de produtores ligado ao trigo

O director tamén destacou a campaña de promoción que se vai levar a cabo no sector da restauración para dar a coñecer este indicativo entre os consumidores

Lalín (Pontevedra), 14 de maio de 2024

O director da Axencia Galega da Calidade, José Luis Cabarcos, acompañado por Marcial Grela, presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan Galego, e polo agrónomo e membro desta IXP Fernando Almeida, participou esta mañá nunha mesa redonda enmarcada no programa de actividades con motivo do Día do Pan, organizadas pola Asociación Provincial de Industriais de Panadería e Pastelaría de Pontevedra na localidade de Lalín.

Na súa intervención, o director da Axencia puxo en valor o potencial de Pan Galego como selo de calidade, unha distinción que, a través da súa Indicación Xeográfica Protexida, destaca as especiais características dun produto que é dos máis consumidos diariamente pola poboación.

José Luis Cabarcos tamén resaltou o traballo que se está a facer desde o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) pola recuperación das variedades de trigo autóctono, das que se está a aumentar a produción e rendemento para empregalas na produción de pan galego cun cereal colleitado na nosa comunidade. Sobre esta cuestión, engadiu que isto beneficia ao sector agrario galego, xa que se están incrementando a superficie produtiva e o número de produtores ligado ao trigo.

O director da Axencia tamén aproveitou para poñer de relevo que o selo da IXP Pan Galego, cada vez máis presente en distribuidoras de alimentación que apostan por este produto con distintivo de calidade, axuda a loitar contra o fraude do pan que se vende como galego cando non o é.

Promoción do Pan Galego

A IXP Pan Galego ten claro o seu futuro e nesa liña, o director da Axencia destacou a campaña de promoción que se vai levar a cabo no sector da restauración para dala a coñecer entre os consumidores, co fin de que degusten un pan amparado por un selo de calidade e ao mesmo tempo descubran a importancia desta IXP para a súa protección.

Neste sentido, traballarase de forma conxunta co consello regulador desta IXP para incentivar a que novos operadores se inscriban neste selo. Seguirase tamén a liña marcada pola Consellería ata o de agora, promocionando a IXP Pan Galego entre os consumidores, co fin de potenciar este sector dende a súa primeira fase de produción -o cultivo de trigo autóctono- ata a súa comercialización.

Imaxes relacionadas