Nova

Compartir
A Xunta arranca mañá cos actos organizados no marco da 3ª edición do Lucus in Vino Veritas que se celebra o sábado en Lugo

A Xunta arranca mañá cos actos organizados no marco da 3ª edición do Lucus in Vino Veritas que se celebra o sábado en Lugo

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria organiza este venres unha cata previa con algúns dos premiados cos acios de ouro nas Catas de Galicia 2021

O día do evento haberá outra cata e espazo expositivo para os gañadores do mellor viño tinto de Galicia e do acio de ouro ao mellor tinto da DO Ribeira Sacra, así como para o Consello Regulador das IX das Augardentes e Licores Tradicionais

Con arredor dunha trintena de bodegas participantes, Lucus in Vino Veritas é un evento especializado do sector vinícola que busca unir a ampla variedade de viños co valor patrimonial, cultural e turístico da cidade de Lugo
 

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2022.- A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, participa dende mañá con diversos actos no evento Lucus in Vino Veritas, que celebra este sábado 21 de maio a súa terceira edición. Con arredor dunha trintena de bodegas participantes, trátase dun evento especializado do sector vinícola que busca unir a ampla variedade de viños co valor patrimonial, cultural e turístico da cidade de Lugo.

 

En concreto, a iniciativa terá lugar no atrio da Catedral de Lugo, con postos para adegas, catas, showcookings e tamén actividades culturais. Desde a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organizaranse actos xa desde mañá, cunha cata ás 20,30 horas na que se poderán degustar algúns dos viños premiados cos acios de ouro nas Catas de Galicia 2021. Será conducida polo experto Juanjo Figueroa, membro do Instituto Galego do Viño.

 

Xa o sábado 21, a Consellería do Medio Rural despregará tres espazos expositivos para adegas, nos que participarán os gañadores do mellor viño tinto de Galicia e do acio de ouro ao mellor tinto da denominación de orixe (DO) Ribeira Sacra nas Catas de Galicia 2021. No outro espazo irá o Consello Regulador das indicacións xeográficas (IX) das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. Por último, dende a Xunta tamén se organizará unha cata cos licores e augardentes premiados nas Catas de Galicia 2021, conducida por Sonia Otero, vogal do Consello Regulador xa mencionado. 

 

Cabe engadir que a organización do Lucus in Vino Veritas xa levou a cabo actividades previas a este sábado, en concreto, dúas visitas guiadas acompañadas de catas. Así, o 5 de maio visitouse a cidade romana descubrindo os xacementos e pezas arqueolóxicas máis descoñecidos de Lucus Augusti, mentres o día 12 houbo unha ruta polo centro histórico dando a coñecer o papel dos mosteiros na expansión do cultivo do viño en Galicia durante a Idade Media.