Nova

Compartir

A Xunta reforza a coordinación policial para a vixilancia, disuasión e control da actividade incendiaria de cara á tempada de alto risco de lumes forestais

O director xeral de Defensa do Monte presidiu a reunión do Comité de Coordinación Policial Antiincendios

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2020.- O director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, presidiu hoxe a reunión do Comité de Coordinación Policial Antiincendios, órgano do que forman parte representantes das diferentes forzas e corpos de seguridade do Estado presentes en Galicia, ademais da propia Xunta.

A xuntanza de traballo serviu para ultimar os detalles da vixilancia, disuasión e control da actividade delituosa incendiaria con vistas ao inicio da tempada de risco alto de incendios. Así, consonte ao habitual nestas datas, estableceuse unha distribución dos diferentes efectivos sobre o territorio, prestando especial atención a aquelas áreas con maior incidencia deste tipo de actuacións.

Así, o que se fai a través deste comité é un seguimento, planificación e reforzo da coordinación das diferentes accións promovidas pola Consellería do Medio Rural e os diversas forzas e corpos de seguridade do Estado (fundamentalmente Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil) para loitar contra a actividade delituosa incendiaria, especialmente nas zonas con lumes recorrentes.

No marco deste comité, o director xeral de Defensa do Monte insistiu na importancia da colaboración cidadá na loita contra a intencionalidade incendiaria. Neste sentido, lembrou que a Xunta ten a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, destacou que existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.