Nova

Compartir

A Xunta avanza na posta en valor da terra agraria e na anticipación aos incendios forestais no concello da Lama a través dos pastos e doutras figuras da Lei de recuperación

Os directores xerais comprobaron os últimos traballos levados a cabo no pasteiro de Verducido -de preto de 26 ha-, executado na primeira fase do Plan de pastos do Goberno galego

Así mesmo, mantiveron unha reunión con gandeiros da zona para explicarlles as vantaxes que ofrecen instrumentos de mobilización como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta

A Lama (Pontevedra), 9 de xuño de 2021.- Os directores xerais de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, estiveron de visita no concello pontevedrés da Lama, onde comprobaron os últimos traballos levados a cabo no pasteiro de Verducido -de 25,74 hectáreas-, executado na primeira fase do Plan de pastos impulsado polo Goberno galego.
En concreto, os directores xerais estiveron supervisando as mangas de manexo do gando, as sebes plantadas no perímetro do pasto e o paso canadense, así como a pista instalada pola Xunta para dar acceso a este pasteiro. Lembrando que o Plan de pastos se atopa xa na súa segunda fase de execución, os representantes da Consellería do Medio Rural lembraron que a primeira fase supuxo non só estes traballos na Lama, senón tamén actuacións noutras localidades da provincia como Covelo e Cerdedo-Cotobade, creando -en total- máis de 270 hectáreas de pastos.
Tal e como sinalaron os directores xerais, a previsión é programar ata dúas fases máis de pastos, co fin de promover un mellor aproveitamento dos recursos naturais para traballar na anticipación aos incendios forestais e para garantir a rendibilidade das explotacións, ao facilitarlles máis base territorial e proporcionarlles novas ferramentas para xerar oportunidades de riqueza no rural.
Nesa liña, Manuel Rodríguez, José Luis Chan e José Balseiros mantiveron unha reunión con gandeiros da zona para explicarlles as vantaxes que ofrecen instrumentos de mobilización como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta, coa finalidade de poñer en valor os predios da súa contorna ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria. Deste xeito, sinalaron, non só se xera actividade económica, senón que se contribúe a fixar poboación no rural ao tempo que se combaten os lumes. Así mesmo, explicáronlles as últimas convocatorias da Consellería do Medio Rural ás que podían acollerse solicitando diversas axudas.

Galería

A Xunta avanza na posta en valor da terra agraria e na anticipación aos incendios forestais no concello da Lama a través dos pastos e doutras figuras da Lei de recuperación
A Xunta avanza na posta en valor da terra agraria e na anticipación aos incendios forestais no concello da Lama a través dos pastos e doutras figuras da Lei de recuperación