Nova

Compartir
A Xunta enxalza os avances do proxecto Life Ecotimbercell para a fabricación de elementos construtivos baixos en carbono baseados en madeira certificada de orixe local

A Xunta enxalza os avances do proxecto Life Ecotimbercell para a fabricación de elementos construtivos baixos en carbono baseados en madeira certificada de orixe local

Jacobo Aboal puxo de relevo este proxecto que desenvolveu un sistema estrutural ecolóxico formado por pequenas pezas de madeira serrada conectadas que supón un aforro de material respecto á tradicional viga de madeira maciza do 85%

En 2019, a Axencia Galega da Industria Forestal asinou un convenio coa Universidade de Santiago para potenciar a madeira na construción e poñer en valor as especies locais, a través da Plataforma da Madeira Estrutural que forma parte desta iniciativa
 

Lugo, 23 de xuño de 2022.- O director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, puxo hoxe de relevo os avances cara á sustentabilidade na construción conseguidos polo proxecto LIFE EcoTimberCell, cuxa xornada de clausura tivo lugar hoxe en Lugo. Na iniciativa participan -entre outros- a Plataforma da Madeira Estrutural (Pemade) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), coa que a XERA asinou un convenio en 2019 para potenciar a madeira na construción e poñer en valor as especies locais.

 

O director destacou que este proxecto buscaba explorar a cadea de valor local e facilitar a produción baixa en carbono e transformación da biomasa en reservas de carbono a longo prazo, de cara á substitución de materiais derivados das industrias de uso intensivo enerxético, como o formigón e o aceiro. Tamén puxo en valor que os sistemas desenvolvidos se baseasen en madeira certificada de orixe local, obtida dos montes da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, co gallo de aportarlle maior valor engadido, aforrar enerxía, reducir a demanda enerxética no uso dos edificios e diminuír a xeración de residuos da construción.

 

Así, segundo celebrou Jacobo Aboal, a iniciativa supuxo a creación da novidosa célula ecotimbercell, un sistema estrutural ecolóxico formado por pequenas pezas de madeira serrada conectadas por un taboleiro de fibras por hardboard e onde a lignina presente na propia madeira actúa como adhesivo natural. Tal e como salientou o director, o aforro de material desta solución respecto á tradicional viga de madeira maciza é do 85%.

 

Así mesmo, no seo da Universidade de Santiago creouse a consultora TimberSoul by Cándido Hermida SL, que comezou neste 2022 a súa actividade empresarial especializada en construción en madeira e coa vocación de fabricar e comercializar os sistemas estruturais EcoTimberCell.

 

Convenio coa XERA

En 2019, a Axencia Galega da Industria Forestal asinou un convenio coa USC co obxectivo de potenciar a madeira na construción e poñer en valor as especies locais, a través da Plataforma da Madeira Estrutural (Pemade) que participa no proxecto que hoxe se clausura. Un convenio vixente deica este ano 2022 ao que a XERA aporta preto de 400.000 euros.

 

Entre as iniciativas desenvolvidas ao abeiro do convenio, están o desenvolvemento da ferramenta “Trabe”, unha aplicación informática para o cálculo de elementos estruturais en madeira das principais especies forestais que se cultivan en Galicia; a publicación dunha guía que pon a disposición dos fabricantes e prescritores información práctica sobre o proceso de tramitación do marcado CE dos produtos de madeira para a construción e a caracterización estrutural de especies locais como o castiñeiro ou o Pinus pinaster, entre outras.

Galería