Nova

Compartir

A Xunta entrega catro drons ás brigadas de investigación de incendios forestais para localizar incendiarios e mellorar a detección e a extinción de lumes

A Xunta contará este ano na tempada de alto risco de incendios con 10 drons máis, que se sumarán aos 2 do ano anterior, para vixiar desde o ceo posibles accións delituosas que poidan supoñer risco de incendio forestal

Estes vehículos non tripulados tamén darán apoio ao traballo que desenvolven estas brigadas de investigación, no tocante á medición e á avaliación de superficies queimadas e á detección de posibles incumprimentos

Silleda (Pontevedra), 3 de xullo de 2020- O director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, desprazouse esta mañá ata a base de helicópteros de Silleda para entregarlles catro drons aos axentes ambientais das brigadas de investigación de incendios forestais (BIIF). Alí, destacou que a través destes vehículos non tripulados se poderán localizar incendiarios e mellorar a vixilancia preventiva, a detección e a extinción de lumes.

O director xeral sinalou que a Xunta contará este ano con 10 drons máis, que se sumarán aos 2 do ano anterior, durante a tempada de alto risco de incendios, que comezou este mércores e se prolongará ata o vindeiro 30 de setembro. Ademais, explicou que darán apoio ao traballo que desenvolven as BIIF en Galicia. Desta forma, poderanse empregar para a medición e avaliación de superficies queimadas, así como para a detección de posibles incumprimentos en materia de xestión de biomasa ou distancias de plantación.

No acto de entrega destes aparellos, levouse a cabo unha pequena demostración do seu funcionamento e equipación. Así, os drons estarán controlados mediante unha emisora cun alcance de 3,5 quilómetros de distancia. Deste xeito, incorporan un sistema anticolisión perimetral, con sensores frontal, inferior, traseiro, superior e lateral. O director xeral explicou que o tempo de voo está entre os 20 e os 30 minutos e que incorporan unha cámara dual con varios modelos de visualización de vídeo. Neste senso, Fernández-Couto insistiu en que, grazas a estes aparellos, poderanse tamén controlar as posibles accións delituosas que poidan supoñer un risco de incendio forestal.

Finalmente, o director xeral sinalou que ao longo deste mes se fará entrega dos drons restantes e se levarán a cabo 12 cursos de formación para pilotos profesionais de drons, unha formación que vén complementar a xa impartida na materia. “A incorporación desta tecnoloxía á loita contra os incendios forestais é fundamental para atallalos”, matizou Fernández-Couto, que sinalou que cos drons se poderán tomar decisións en incendios activos ou estabilizados grazas ao envío de cartografía e determinación de puntos quentes.

O director xeral aproveitou para lembrar que seguirá activo o número de teléfono anónimo de denuncia dos incendiarios, o 900 815 085, que permite fomentar a cooperación cidadá contra a actividade incendiaria, xa que os veciños poden alertar sobre actividades sospeitosas subministrando calquera información que aporte valor nunha investigación policial presente e futura. Así mesmo, tamén está a disposición da cidadanía o servizo gratuíto 085, ao que se debe chamar no caso de detectar un incendio forestal.

Galería