Nova

Compartir

Galicia e as demais comunidades cantábricas avaliarán a proposta de ecoesquemas da PAC que presentará o Ministerio de Agricultura

A Xunta valora o carácter receptivo e colaborador do Goberno Central, pero insiste en demandar que estas axudas ambientais contemplen as particularidades da España húmida

Ademais, Galicia considera que eses requisitos non poden ser esixencias adicionais para os agricultores e gandeiros, que no caso galego xa están facendo unha custodia do territorio pola vía do cultivo da súa base territorial

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2021.- Galicia e as demais comunidades autónomas da Cornixa Cantábrica (Asturias, Cantabria e País Vasco) analizarán polo miúdo a proposta de ecoesquemas que presentará o Goberno Central e realizarán as alegacións oportunas para defender os intereses dos nosos agricultores e gandeiros e para garantir que estas axudas ambientais contemplen as particularidades da España húmida.

Así o acordaron esta mañá os representantes destas autonomías na reunión por videoconferencia co secretario general de Agricultura y Alimentación, Fernando Miranda, sobre Arquitectura Ambiental do Plan Estratéxico da PAC. Nesta xuntanza participou, por parte galega, unha delegación encabezada polo secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural, Nicolás Vázquez.

O representante da Xunta fixo un balance positivo do encontro, por canto o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) -que se comprometeu a presentar a súa proposta ás comunidades autónomas- amosouse en principio receptivo e colaborador, con respecto ás demandas da Cornixa Cantábrica.

As devanditas autonomías do Norte de España piden, entre outras cousas, a inclusión de novos ecoesquemas adicionais aos propostos polo MAPA, máis adecuados para a España húmida, e tamén que se introduzan, de xeito transversal, un complemento vinculado á prevención de incendios, a extensión do complemento previsto para as superficies en Rede Natura ás zonas con limitacións naturais ou unha modulación da axuda por estratos de tamaño, entre outras correccións.

En relación con estas achegas da nova PAC, coas que Europa quere fomentar as prácticas ambientalmente sostibles, Galicia considera que eses requisitos non poden ser esixencias adicionais para os agricultores e gandeiros, que no caso galego xa están facendo unha custodia do territorio pola vía do cultivo da súa base territorial. Fano, ademais, para loitar contra o abandono, un dos grandes retos que enfronta o agro galego. Por iso, deféndese que o deseño a nivel español ten que recoller ecoesquemas que se adapten aos sistemas produtivos característicos de Galicia e a Cornixa Cantábrica.