Nova

Compartir

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 10,00 h de hoxe

Estabilizado o incendio do concello ourensán de Cualedro, parroquia de San Millao, que segundo as últimas estimacións afecta 1.535 hectáreas

Controlado o lume no municipio pontevedrés de Rodeiro, parroquia de Riobó, que segundo as últimas medicións afecta 97,5 hectáreas, das cales 73 son forestais (de monte raso) e as 24,5 restantes son agrícolas

Extinguido un incendio no concello ourensán da Merca que afectou, segundo as últimas estimacións, unha superficie de 20,05 hectáreas
 

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2020.- A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 10,00 h. de hoxe.

Cualedro
Está estabilizado dende as 22,21 h. de onte o incendio do concello ourensán de Cualedro, parroquia de San Millao, que comezou o mércores ás 14,15 h. en cando menos dous puntos diferentes simultáneos. Despois dunha nova medición provisional da superficie, xa sen fume no lugar, a última estimación é de 1.535 hectáreas, das cales arredor de 525 son agrícolas e 1.010 forestais (unhas 960 rasas e arredor de 50 arboradas). Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada.

Para a súa extinción lévanse mobilizado 2 técnicos, 42 axentes, 105 brigadas, 43 motobombas, 6 pas, 13 helicópteros e 13 avións, ademais de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Rodeiro
Permanece controlado dende as 21,16 h. de onte o lume rexistrado no concello pontevedrés de Rodeiro, parroquia de Riobó, que se iniciaba o xoves á tarde. Segundo as últimas medicións, afecta unha superficie de 97,5 hectáreas, das cales 73 son forestais, todas elas de monte raso, e as 24,5 restantes son agrícolas. Para o control deste incendio lévanse mobilizado 10 axentes, 25 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 5 helicópteros e 6 avións.

A Merca
Ás 00,53 h. desta madrugada deuse por extinguido un incendio no concello ourensán da Merca, parroquia de Corvillón, que se iniciaba onte ás 14,02 h. Segundo as últimas estimacións, afectou unha superficie de 20,05 hectáreas, das cales 5 corresponden a monte arborado e as 15,05 restantes a monte raso. Para a súa extinción mobilizáronse 3 axentes, 10 brigadas, 5 motobombas, 5 helicópteros e 6 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.