Nova

Compartir

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13,30 h de hoxe

Extinguido o lume no municipio pontevedrés de Rodeiro, parroquia de Riobó, que segundo as últimas medicións afectou 97,5 hectáreas, das cales 73 son forestais (de monte raso) e as 24,5 restantes son agrícolas

Permanece estabilizado o incendio do concello ourensán de Cualedro, parroquia de San Millao, que segundo as últimas estimacións afecta 1.535 hectáreas
 

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2020.- A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13,30 h. de hoxe.

Rodeiro
Extinguido ás 13,41 h. o lume rexistrado no concello pontevedrés de Rodeiro, parroquia de Riobó, que se iniciaba o xoves á tarde. Segundo as últimas medicións, afectou unha superficie de 97,5 hectáreas, das cales 73 son forestais, todas elas de monte raso, e as 24,5 restantes son agrícolas. Para a extinción deste incendio mobilizáronse en total 10 axentes, 25 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 5 helicópteros e 6 avións.

Cualedro
Permanece estabilizado dende as 22,21 h. de onte o incendio do concello ourensán de Cualedro, parroquia de San Millao, que comezou o mércores ás 14,15 h. en cando menos dous puntos diferentes simultáneos. A última estimación da superficie afectada é de 1.535 hectáreas, das cales arredor de 525 son agrícolas e 1.010 forestais (unhas 960 rasas e arredor de 50 arboradas). Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Para a súa extinción lévanse mobilizado 2 técnicos, 43 axentes, 105 brigadas, 45 motobombas, 6 pas, 13 helicópteros e 13 avións, ademais de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.