Nova

Compartir

A Xunta organiza en Monforte de Lemos unha acción divulgativa sobre o potencial resineiro nos piñeirais de Galicia

Para complementar esta formación, a Consellería do Medio Rural impartirá tamén un curso de técnicas de extracción de resina no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal

Esta mesma xornada formativa tamén se levará a cabo este venres no CFEA Pedro Murias, sito en Ribadeo
 

Monforte de Lemos (Lugo), 5 de agosto de 2020.- A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza para este vindeiro sábado, 8 de agosto, unha acción divulgativa sobre o potencial resineiro nos piñeirais galegos.

A xornada terá lugar no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Monforte de Lemos e contará cunha duración de catro horas, repartidas en parte teórica e práctica cunha demostración sobre piñeirais da zona.

Ademais, para complementar esta formación, a Consellería impartirá un curso de técnicas de extracción de resina cunha duración de 60 horas. Será tamén no CFEA de Monforte de Lemos en horario de mañá os días 17, 18, 19, 26 e 27 de agosto e os días 9, 10, 16, 17 e 18 de setembro.

Así mesmo, este venres celebrarase unha xornada con esta mesma temática no CFEA Pedro Murias, en Ribadeo, co fin de ofrecer esta formación a un maior número de interesados. En canto ao curso, celebrarase neste mesmo centro os días 17, 18, 19, 24 e 25 de agosto e o 7, 8, 14, 15 e 19 de setembro.

Os interesados nesta formación, tanto para acudir ás accións divulgativas como aos cursos, deberán facer a reserva en información@foresin.es ou chamando ao teléfono 680 208 320.

Cabe lembrar, ademais, que a Consellería do Medio Rural desenvolve diversos proxectos relacionados coa investigación no sector da resina dirixidos á adaptación de diferentes métodos de resinación ás condicións dos montes galegos, á mellora da produtividade, á multifuncionalidade dos espazos forestais, á xenética forestal, á planificación, á silvicultura e á protección forestal.