Nova

Compartir

Extinguido o incendio forestal rexistrado no concello lugués de Ribas de Sil, parroquia homónima

A última medición realizada indica que foron 1.592,9 as hectáreas afectadas, das cales 559 foron de monte raso e o resto de monte arborado

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2021.- A Consellería do Medio Rural informa da extinción do incendio rexistrado no concello lugués de Ribas de Sil, parroquia homónima.

Este lume comezou o pasado luns 6 de setembro ás 12,47 h. como foco secundario do incendio rexistrado a noite anterior na parroquia de Nogueira, tamén no concello de Ribas de Sil, dándose por extinguido ás 18,17 h. desta tarde. Tras a última medición, a superficie afectada foi de 1.592,9 hectáreas, das cales 559 foron de monte raso e o resto de monte arborado. Ademais, cómpre indicar que tamén foron afectados os municipios limítrofes de Quiroga e A Pobra do Brollón.

Nas tarefas de extinción traballaron un total de 16 técnicos, 66 axentes, 147 brigadas, 63 motobombas, 15 pas, 8 avións e 14 helicópteros. Tamén participaron nos labores de extinción persoal e medios da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.