Nova

Compartir

A Xunta organiza dende a semana vindeira en Cabana de Bergantiños e Irixoa unha formación sobre xestión integral de piñeiros

Programadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, as accións centraranse nas vantaxes e potencialidades que ofrecen aproveitamentos complementarios como a resina ou os cogomelos

A acción de Cabana está previsto que comece o mércores 22 de setembro na Casa da Cultura en Cesullas, mentres a de Irixoa está programada no local social de Verís dende o venres 24
 

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2021.- A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza dende a semana que vén na provincia da Coruña dous cursos sobre xestión integral de piñeiros. O primeiro ten previsto desenvolverse na Casa da Cultura de Cabana de Bergantiños, situada na parroquia de Cesullas, entre o vindeiro mércores 22 de setembro e o mércores 20 de outubro. O outro está programado no local social de Verís, en Irixoa, entre o venres 24 de setembro e o sábado 30 de outubro. En total, serán nove días con 40 horas de formación entre teoría e práctica.

O obxectivo é identificar os diferentes aproveitamentos complementarios da madeira de piñeiro, principalmente a resina, os cogomelos e o gando. Así, búscase dotar aos profesionais ou propietarios forestais das competencias referentes a estes aproveitamentos, achegándolles ferramentas e coñecementos relacionados como as técnicas de extracción de resina existentes ou a identificación de cogomelos e o seu establecemento a través da micorrización.

Así, a acción comezará cunha introdución sobre a situación do sector forestal en Galicia, para seguir falando do aproveitamento do piñeiro e dos modelos silvícolas, do aproveitamento resineiro nos piñeirais e dos métodos de extracción de resina. Posteriormente trataranse os sistemas silvopastorais e o aproveitamento micolóxico contemplando a produción, a recolección e a comercialización, así como a identificación de distintas especies de interese culinario.

Canto á parte práctica, o curso non só contará cunha visita guiada para ver en campo os diferentes aproveitamentos referidos senón tamén con prácticas específicas de extracción de resina, de micorrización ou de análise da viabilidade económica das opcións propostas.
A acción está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, busca contribuír ao aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este. Os interesados poden inscribirse a través do formulario de asistentes dispoñible en https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/formacion-continua/plan-de-formacion-2021, enviándoo posteriormente cuberto ao enderezo electrónico transferenciatecnoloxica.cmr@xunta.gal. Para consultar calquera información adicional, poden chamar ao teléfono 981546689.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.