Nova

Compartir

A Xunta colabora na análise do impacto no solo do incendio rexistrado na localidade abulense de Navalacruz

Investigadores do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, dependente da Consellería do Medio Rural, desprazáronse ata a zona para avaliar a severidade do lume e o seu impacto no solo e no incremento do risco de erosión

Estiveron supervisando especialmente as zonas de serra con alto potencial de aumento do risco hidrolóxico-erosivo, xunto con profesionais da Universidade de Valencia ou da Universidade portuguesa de Aveiro

Dende 2018, o CIF de Lourizán participa nun proxecto europeo con distintas institucións españolas, portuguesas e francesas mostrando como usar unha metodoloxía de acción urxente para a mitigación do risco de erosión tras os lumes

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2021.- Un grupo de investigadores do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, dependente da Consellería do Medio Rural, desprazouse estes días para colaborar na avaliación da severidade do lume rexistrado en agosto en Navalacruz, provincia de Ávila, e o seu impacto no solo e no incremento do risco de erosión. Así, estiveron supervisando especialmente as zonas de serra con alto potencial de aumento do risco hidrolóxico-erosivo, xunto con profesionais da Universidade de Valencia ou da Universidade portuguesa de Aveiro, participantes todos eles no proxecto europeo EPYRIS (SOE2/P5/E0811).
Dende o ano 2018, o CIF de Lourizán participa na referida iniciativa comunitaria con diferentes institucións españolas, portuguesas e francesas e colabora mostrando como usar unha metodoloxía de acción urxente para a mitigación do risco de erosión tras os incendios forestais. Neste marco xurdiu esta colaboración nos traballos do incendio rexistrado en Navalacruz. Así, os investigadores de Lourizán mostraron o seu sistema de traballo en campo para delimitar as áreas máis afectadas, baseándose nunha análise do grao de afección da vexetación e no solo. Nesa liña, localizáronse puntos de mostraxe dentro da área queimada para validar o dano na vexetación obtido a través do cálculo de índices espectrais.
Neste senso, cabe sinalar que os lumes forestais crean unha paisaxe heteroxénea no que o nivel de afección é moi variable e, por tanto, tamén os seus impactos. Para avaliar o dano do lume sobre a cuberta vexetal empréganse, normalmente, os índices espectrais a partir de satélite, que son moi útiles pero non proporcionan información fiable sobre o solo. Tendo en conta que este estrato é precisamente o que pode causar problemas de enterramentos ou contaminación nos cursos de auga, as investigacións do CIF de Lourizán centráronse nestes últimos anos en desenvolver un sistema práctico e áxil de avaliación da severidade do lume no solo que reflicta os cambios producidos por este e que, ademais, ten unha correlación moi estreita coas perdas do solo.
Precisamente, este sistema de avaliación é o que se está empregando con éxito en Galicia dende o ano 2013 para a selección das áreas de intervención urxente tras os lumes, co fin de evitar as perdas de solo por erosión. Esta metodoloxía de traballo non existe noutras comunidades autónomas ou noutros países próximos con esta mesma problemática, de aí que se solicitase a colaboración desta entidade galega.
O grupo de investigación sobre lumes forestais do Centro de Investigación Forestal de Lourizán ten unha longa experiencia sobre a análise do impacto dos lumes forestais nos solos e os seus danos colaterais como o risco de erosión. Esta experiencia está avalada pola súa participación en diferentes proxectos nacionais e internacionais e pola publicación de numerosos artigos en revistas especializadas.