Nova

Compartir

A Xunta alleou 61 lotes de madeira por 3,8 M€ na poxa pública electrónica celebrada en Lugo

Os importes acadados na poxa veñen confirmar a suba de prezos da madeira de coníferas, sendo previsible que continúen á alza no futuro debido a que esta madeira está sendo moi demandada internacionalmente polas súas múltiples aplicacións

Cómpre destacar que 21 lotes que contan con certificación forestal sostible PEFC e un máis que ten a dobre certificación PEFC e FSC acadaron un prezo unitario moi superior ao resto

A plataforma telemática de poxas enmárcase na estratexia de Dixitalización e Descarbonización (D&D) que a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e a Amtega están a desenvolver conxuntamente

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2021.- A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, procedeu esta semana ao alleamento de 61 lotes de madeira de coníferas taxados inicialmente en 2,57 millóns de euros e que acadaron un valor total de 3.790.000 euros. A práctica totalidade dos lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común con convenios ou consorcios de xestión coa Consellería.
En total, os lotes vendidos suman 106.000 metros cúbicos de madeira de piñeiro do país, piñeiro silvestre e piñeiro insigne; isto tradúcese nunha absorción de CO² de 59.000 toneladas que foron retiradas da atmosfera durante a vida destas árbores, que agora serán substituídas por novos pés que continuarán absorbendo este gas de efecto invernadoiro.
Os importes acadados na poxa confirman a suba de prezos da madeira de coníferas, cunha media de 37 €/m³ en monte. O máximo acadado na poxa superou os 60 €/m³ para un lote de piñeiro insigne no concello de Monforte de Lemos. Estes prezos enmárcanse nunha dinámica de suba desta materia prima sendo previsible que continúen á alza no futuro, pois a madeira de coníferas está sendo moi demandada internacionalmente polas súas múltiples aplicacións.
A maiores, cómpre resaltar que 21 lotes desta poxa que contaban con certificación forestal sostible PEFC -e outro con dobre certificación PEFC e FSC- acadaron un prezo medio moi superior preto dos 46 €/m³. Respecto da madeira de serra, a que acada un maior valor, os propietarios recibirán ata 76 euros por cada metro cúbico, o que confirma o interese do sector madeireiro por estes produtos.
Os lotes de madeira certificada cumpren cando menos os requisitos dun dos dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial. Amais, as empresas adxudicatarias destes lotes dispoñen dun certificado de cadea de custodia, que permite garantir a trazabilidade da madeira e o mantemento destes selos ata o produto final. A certificación forestal sostible garante -ao máximo nivel- que a xestión dos bosques dos que provén esta madeira é respectuosa co medio ambiente, ao mesmo tempo que cumpren outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais.
Cabe lembrar que -como no caso das poxas electrónicas de madeira celebradas anteriormente- os licitadores realizaron todos os trámites de xeito telemático, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Así mesmo, tanto as empresas participantes na poxa como todo aquel que o desexase puido seguir o proceso a través dunha sala virtual creada ao efecto.
O procedemento en liña é posible grazas á plataforma desenvolvida entre a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Ademais, permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato PDF os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas.
A maiores, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado ao efecto. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse no seguinte enderezo do portal web da Consellería do Medio Rural: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/forestal/poxas.

Compromiso da Xunta

Con estas poxas electrónicas, a Xunta amosa o seu compromiso para seguir traballando cos axentes do sector forestal na construción de ferramentas dixitais que faciliten a súa actividade económica. Nesa liña, esta actuación encaixa dentro do proxecto de modernización dixital dos sectores produtivos (Primare) impulsado pola Amtega, con accións relativas ao agro ou ao mar. Así mesmo, a iniciativa enmárcase nunha sociedade europea que se atopa en vías de descarbonización, coa vista posta nos retos e oportunidades que están a demandar o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía.
Nese contexto, preséntase como clave o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira -en sectores como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado- seguindo o principio de “Reconstruír de novo facéndoo mellor” (“Building back better” BBB).