Nova

Compartir

A Xunta reforzará cun curso a seguridade no uso de vehículos todoterreo a 2.500 profesionais do servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais

O obxectivo desta acción é formar ao persoal nas técnicas específicas de condución destes medios, tanto desde o punto de vista teórico como práctico

Os contidos reforzaranse con vídeos explicativos elaborados por pilotos especializados e con ampla experiencia en probas todoterreo, entre elas o Dakar
 

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2021.- A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte, reforzará cun curso a seguridade no uso de vehículos todoterreo a 2.500 profesionais do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais (SPIF) de Galicia, dentro das categorías de técnicos, axentes, bombeiros forestais, condutores e oficiais mecánicos.

Así, o obxectivo desta acción é formar aos alumnos no uso da sinal V-1, circulando en servicio de emerxencias, así como instruír aos condutores de vehículos e motobombas 4x4 nas técnicas específicas de condución e capacitalos tamén para superar obstáculos (pendentes, inclinacións laterais, cruce de pontes) de forma segura e eficaz.

Este curso especializado conta cunha carga lectiva de 12 horas, a metade on line teórico-práctica e o resto de formación práctica con vehículos en zonas de monte. Esta última desenvolverase en grupos de 20 alumnos e distribuirase por diferentes puntos do territorio galego.

O programa teórico desta acción formativa aborda aspectos como a transferencia de pesos e o centro de gravidade, as capacidades de tracción e a adherencia, as paradas de emerxencia, os descensos e ascensos pronunciados ou o paso de gabias e cunetas. Estes contidos teóricos contarán con cadanseu manual e vídeo explicativo. Na elaboración destas pezas audiovisuais participarán Sergio e Diego Vallejo, os pilotos galegos máis laureados, con ampla experiencia en diferentes probas todoterreo, entre elas o Dakar.
A formación impartirase nunha primeira fase ao longo do cuarto trimestre deste ano e nun segundo período durante o ano 2022. As xornadas formativas comezarán o vindeiro día 24 de setembro.

Cómpre engadir que este curso se impartirá en colaboración coa Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) no marco do convenio asinado no ano 2019.