Nova

Compartir

A Xunta pon en valor o seu compromiso co viño galego a través de medidas como a estratexia sectorial, o préstamo vendima ou a Lei de recuperación da terra

José González fixo fincapé na necesidade duns prezos competitivos, de incrementar o valor engadido do produto e de conseguir que esta mellora chegue a todos os elos da cadea, dende o viticultor ata a distribución, pasando polas adegas

Lembrou que Medio Rural puxo en marcha, en coordinación cos consellos reguladores, un plan de control da colleita centrado na calidade, con 15 inspectores que velan porque todo se desenvolva de acordo á normativa e aos pregos de condicións das DO

Arbo (Pontevedra), 15 de setembro de 2021.- O conselleiro do Medio Rural, José González, reiterou hoxe o compromiso da Xunta co sector vitivinícola galego. Un apoio que se materializa, segundo explicou, a través de diferentes iniciativas, como a Estratexia de dinamización específica para este eido, o préstamo vendima, a canle de comercialización Mercaproximidade ou a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

O conselleiro, acompañado polo delegado territorial da Xunta, Luis López, e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, visitou esta tarde a adega As Laxas e posteriormente desprazarase á de Eidosela. Ambas están situadas no concello pontevedrés de Arbo, dentro da subzona do Condado da denominación de orixe (DO) Rías Baixas. No primeiro caso, a visita tivo por obxecto coñecer sobre o terreo o desenvolvemento dos traballos da vendima.

Neste contexto, o titular de Medio Rural salientou que a estratexia sectorial que se acaba de presentar contempla non só os eidos produtor, industrial e distribuidor, senón tamén outros que como o turismo, o patrimonio ou a paisaxe que cualificou como “inseparables” do mundo do viño.

Todos eles, dixo González, conflúen no obxectivo fundamental de incrementar o valor engadido do produto, de forma que esa mellora chegue a todos os elos da cadea de valor, dende o viticultor ata a distribución, pasando polas adegas. Neste sentido, o conselleiro fixo fincapé tamén na necesidade duns prezos competitivos tendo en conta -engadiu- que o consumidor final, “sabe apreciar ben a calidade e o carácter especial dos viños galegos, e está disposto a pagar por iso”.

Da mesma maneira, José González referiuse ao préstamo vendima como outra medida de apoio ao sector. Así, salientou que se trata dunha liña de crédito que permanecerá aberta ata o vindeiro 15 de outubro e que está destinada ás adegas para que poidan mercar a totalidade da uva da colleita deste ano en condicións normais de mercado.

Todo iso, resaltou o conselleiro, para facer fronte ás dificultades xeradas pola pandemia, como xa se fixo tamén con Mercaproximidade, unha canle de venda alternativa que permitiu dar saída a boa parte da produción primaria galega, malia as dificultades. De feito, lembrou González, a esta vía adheríronse arredor dun cento de adegas da comunidade, que conseguiron así vender os seus produtos nas principais cadeas de distribución que operan en Galicia.

Plan de control

En relación coa colleita da uva, o conselleiro destacou que a Xunta actúa ademais, en coordinación cos consellos reguladores, cun plan de control da vendima que persegue protexer a calidade dos viños galegos. En total, indicou, son 15 os inspectores que velan porque todo se desenvolva de acordo ao estipulado na normativa e nos pregos de condicións dos consellos reguladores.

Por outra banda, José González referiuse tamén á Lei de recuperación da terra agraria como outras das vías de apoio ao sector do viño, na medida en que -sinalou- esta norma aposta pola ordenación e a adecuada xestión do territorio. Trátase de “colocar cada cousa no seu sitio, potenciando a compatibilidade dos diferentes usos: agrario, gandeiro e forestal”, e tamén de fomentar a seguridade xurídica para os titulares da terra, así como a xeración de recursos e de rendibilidade a partir da recuperación dos terreos.

O conselleiro trasladou que este labor se fai a través de instrumentos como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta, que conforman unha verdadeira “caixa de ferramentas para recuperar terras e poñelas en produción, de xeito sustentable e buscando, ao tempo, unha anticipación ao problema dos incendios forestais”.

Nesta liña, José González fixo fincapé nas arredor de 10.000 hectáreas que se solicitaron dende as propias denominacións de orixe vitícolas para levar a cabo polígonos de viñedo e salientou que, desa superficie global, case una cuarta parte (2.200 hectáreas) corresponden á DO Rías Baixas.

Galería

A Xunta pon en valor o seu compromiso co viño galego a través de medidas como a estratexia sectorial, o préstamo vendima ou a Lei de recuperación da terra
A Xunta pon en valor o seu compromiso co viño galego a través de medidas como a estratexia sectorial, o préstamo vendima ou a Lei de recuperación da terra
A Xunta pon en valor o seu compromiso co viño galego a través de medidas como a estratexia sectorial, o préstamo vendima ou a Lei de recuperación da terra
A Xunta pon en valor o seu compromiso co viño galego a través de medidas como a estratexia sectorial, o préstamo vendima ou a Lei de recuperación da terra