Nova

Compartir

A Xunta e Aspamadis colaboran na prevención dos incendios forestais

O delegado territorial da Xunta en Ourense subliñou o recente investimento de preto de 17.000 euros da Consellería do Medio Rural a través da empresa pública Seaga para realizar rozas manuais con rozadoira e remates en zonas de roza mecanizada con tractor

Gabriel Alén animou aos representantes da entidade a seguir traballando pola inclusión e o desenvolvemento individual das persoas con necesidades especiais, e aproveitou a xuntanza para agradecer o labor que está a levar a cabo na provincia

Ourense, 14 de outubro de 2021. - O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantivo un encontro co presidente da Asociación de pais e nais de discapacitados intelectuais de Ourense (Aspamadis), Manuel Martín, no que lle amosou a total colaboración do Goberno galego no traballo pola integración social e laboral das persoas con necesidades especiais.

Ambos os dous fixeron repaso de varios proxectos de colaboración coa Xunta, entre eles, o recente investimento de preto de 17.000 euros da Consellería do Medio Rural a través da empresa pública Seaga para realizar rozas manuais con rozadoira e remates en zonas de roza mecanizada con tractor nos concellos de Paderne de Allariz (4,10 ha) e A Merca (3,90 ha); actuacións relacionadas coa prevención e loita contra os incendios forestais.

Así mesmo, avaliaron os programas de creación ou ampliación do cadro de persoal de centros especiais de emprego; o de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional dos centros especiais de emprego; o de axudas ao mantemento do custo salarial nos centros especiais de emprego, e o de mantemento e adaptación de postos de traballo nos centros especiais de emprego nos que a Consellería de Emprego e Igualdade investiu máis de 59.000 euros nos últimos anos.

Tamén falaron do contrato asinado coa Consellería de Política Social por importe de 2.685 euros para o mantemento dos xardíns na Residencia Xuvenil de Estudantes Florentino López Cuevillas na cidade de Ourense.

Gabriel Alén analizou xunto ao responsable de Aspamadis tamén os proxectos de futuro desta asociación de nais e pais, que ten como obxectivo a integración dos seus fillos no mercado laboral a través de ferramentas coas que poidan acadar oportunidades de emprego.

O delegado territorial animou aos representantes da entidade a seguir traballando pola inclusión e o desenvolvemento individual das persoas con necesidades especiais e aproveitou a xuntanza para agradecer o labor que a entidade está a levar a cabo en Ourense.