Nova

Compartir

A Xunta doa 20 cordeiros ao banco de alimentos de Santiago ao abeiro da canle de Mercaproximidade

Esta semana cedéronse en total 150 animais aos bancos de alimentos da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e á organización Cáritas

Estes produtos agroalimentarios súmanse aos xa repartidos polo Goberno galego en hospitais e noutras organizacións sociais nos últimos meses
 

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2020.- O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, acudiu esta mañá á entrega de 20 cordeiros ao Banco de Alimentos Rías Altas de Santiago. Trátase dunha serie de doazóns impulsadas a través de Mercaproximidade, a canle alternativa de comercialización creada pola Consellería do Medio Rural durante o estado de alarma para dar saída aos produtos agroalimentarios galegos que viron reducidas as súas vendas debido á covid-19.

Así, a Consellería cedeu esta semana un total de 150 cordeiros a través de Mercaproximidade. Ademais de ao Banco de Alimentos de Santiago, entregóuselles tamén ao de Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra e á organización Cáritas. Esta compra de alimentos engádese ás numerosas feitas nos últimos meses polo Goberno galego, como a destinada ao Banco de Alimentos de Lugo dende onde se distribuíu un total de 100 toneladas de patacas nas sedes de Cáritas de toda España. Ademais, outras 30 toneladas foron cedidas por un produtor da Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal).

A Xunta tamén doou diversos produtos agroalimentarios como queixos, mel, carne de Ternera Gallega ou de porco celta a outras entidades sociais, para atender os colectivos máis desfavorecidos durante a emerxencia sanitaria. Tamén entregou alimentos aos hospitais galegos, para que puidesen confeccionar os seus menús con producións de proximidade e de calidade diferenciada.

Dende a súa creación, o 15 de abril, máis de 450 industrias transformadoras e produtores adheríronse como provedores a Mercaproximidade. Da banda da distribución, colaboran a práctica totalidade das cadeas que operan en Galicia: Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski -cos seus establecementos Eroski e Familia-, El Corte Inglés -cos establecementos Hipercor e Supercor-, Carrefour -cos seus centros Carrefour e Carrefour Market-, Grupo Cuevas -cos seus supermercados Plenus, Aquié e Aquí-, Lidl, Alcampo, Coviran e DIA.

Galería

A Xunta doa 20 cordeiros ao banco de alimentos de Santiago ao abeiro da canle de Mercaproximidade
A Xunta doa 20 cordeiros ao banco de alimentos de Santiago ao abeiro da canle de Mercaproximidade