Nova

Compartir

A Xunta e a Deputación de Ourense acordan impulsar de novo o vindeiro ano a Festa da Vendima de Monterrei

A nova cita promocional prevese para o mes de outubro do ano 2022

A Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia pretende potenciar tanto a imaxe de marca e identidade como o turismo vinculado aos territorios onde se producen, tal e como se consegue con citas como a Feira da Vendima de Monterrei

Ourense, 20 de outubro de 2021.- A Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Ourense, en colaboración co concello de Monterrei e a Denominación de Orixe e a Ruta do Viño deste concello ourensán, acordan impulsar de novo a Festa da Vendima. Así o acordaron na xuntanza mantida esta mañá en Ourense entre o conselleiro do Medio Rural, José González, e o presidente da Deputación, Manuel Baltar, e a presidenta da Denominación de Orixe Monterrei, Lara da Silva.
Así, a nova cita prevese para o mes de outubro do ano 2022. O obxectivo é recuperar esta festa de gran interese para a zona, xa que ademais de promocionar o viño desta comarca -que conta con selo de calidade propio- tamén se poñen en valor outros recursos turísticos como a gastronomía, a artesanía, a cultura e o produto local.
Desta forma, a nova cita daralle un novo impulso turístico a esta comarca en xeral e ao concello de Monterrei en particular, que se potenciará coa propia Ruta do Viño de Monterrei, un claro reclamo na zona.
Neste senso, cabe destacar a posta en marcha da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia que persegue consolidar os viños galegos nos mercados nacional e internacional e transformar, de aquí a 2026, a capacidade de xeración de valor dos territorios nos que se produce. O obxectivo é, precisamente, potenciar tanto a imaxe de marca e identidade como o turismo vinculado aos territorios onde se producen, tal e como se consegue con citas como a Feira da Vendima.