Nova

Compartir

Galicia demanda continuar negociando para adecuar a PAC ás especificidades da España húmida

A Xunta valora que, nesta última fase da negociación, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación mellorase substancialmente o deseño dos ecoesquemas para recoller as peculiaridades da Cornixa Cantábrica

Tamén se está a traballar na mellora das axudas acopladas -nas que xa se tiña acordado un incremento anual para Galicia de 11,8 millóns para o lácteo-, o pago redistributivo e a degresividade

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2021.- O conselleiro do Medio Rural, José González, participou esta mañá de forma telemática na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural, onde solicitou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación continuar coas negociacións para adecuar a Política Agraria Común (PAC) ás especificidades da España húmida.
Así, José González valorou que o Ministerio mellorase substancialmente o deseño dos ecoesquemas para recoller as peculiaridades da España húmida. Porén, o conselleiro insiste en que é necesario seguir traballando e buscar unha maior simplificación na execución destes ecoesquemas, co fin de lograr un maior grao de cumprimento por parte dos solicitantes perceptores para facelos máis atractivos e, polo tanto, aproveitables.
Nesta liña, o conselleiro lembrou que estes ecoesquemas deben atender á realidade e problemática dos sistemas agrarios predominantes na Cornixa Cantábrica e nomeadamente dos vinculados ás explotacións de vacún de leite. Así, en relación co ecoesquema sobre pastoreo extensivo, José González insistiu en que é preciso aumentar a carga gandeira mínima e a máxima, ademais de computar toda a superficie forraxeira da explotación. Doutra banda, no ecoesquema que trata sobre rotacións en terras de cultivo, fixo fincapé na necesidade de ter en conta o pequeno tamaño das explotacións galegas e no que atinxe ás áreas non produtivas en terras de cultivo, lembrou que Galicia demandaba que se computen as illas, sebes e outras estruturas lindeiras que serven de refuxio e alimentación de insectos e aves, así como as pequenas infraestruturas agrarias tradicionais.
Con todo, José González tamén recoñeceu e agradeceu os avances positivos nas negociacións mantidas ata o de agora. Así, destacou o acordo acadado sobre a porcentaxe de asignación da reserva nacional, un 3% para o ano 2023 máis o 1% para o 2024. Lembrou que este mecanismo vai permitir, grazas ao traballo de Galicia, incorporar novas superficies con dereito a cobro da PAC, cuestión esta de moita transcendencia na nosa comunidade. O conselleiro trasladou o convencemento de Galicia de que a PAC tamén ten que ser un mecanismo de loita contra o abandono do rural.
Neste senso, José González lembrou que a Cornixa Cantábrica mantiña unha postura común que non foi tida en conta en cuestións como pode ser a definición de agricultor xenuíno (agora activo), a definición de novas rexións da PAC, a degresividade ou o pago redistributivo. Por isto, José González insistiu en que se defendan as pequenas ou medianas explotacións de carácter familiar e base territorial como son as da Cornixa Cantábrica. Dentro desa liña, aínda que se valora o aumento considerable nas axudas asociadas ao vacún de leite, que supoñen para Galicia un incremento de 11,8 millóns de euros anuais, recalcou a necesidade de axustar a súa regulación ao tamaño das nosas explotacións, moito máis pequenas que as do resto de España.

Participación pública

Finalmente, José González subliñou que Galicia está a traballar duro para velar polos intereses dos seus gandeiros e agricultores. Neste senso, o conselleiro lembrou que o seu departamento puxo en marcha un proceso de participación pública na elaboración do Plan estratéxico da PAC 2023-2027. Así, a Consellería do Medio Rural habilitou na súa web un espazo destinado a fomentar esa participación no proceso de elaboración deste Plan, e máis concretamente no seu segundo piar (relativo ás intervencións con fondos Feader) no seguinte enlace: https://mediorural.xunta.gal/gl/recursos/proceso-participacion-publica-plan-estratexico-pac-2023-2027.