Nova

Compartir

A Xunta reitera a oferta de colaboración ao concello de Vigo a prol da mellora do seu monte periurbano

José González lamentou a falla de resposta do alcalde vigués á súa demanda, trasladada hai xa medio ano por carta, de abordar a proposta do anel verde conxuntamente

En canto ás actuacións levadas a cabo pola Xunta, o conselleiro agradeceu a colaboración dos comuneiros para restablecer o valor ambiental, económico e social dos montes de Valadares, San Andrés de Comesaña, Coruxo e Zamáns

Salientou tamén o esforzo investidor que o Goberno galego vai realizar o vindeiro ano en materia forestal, con incrementos nos orzamentos para forestación ou para apoiar a silvicultura de frondosas e a boa gobernanza dos montes

Destacou que se van destinar preto de 28 millóns de euros a desenvolver estas medidas, que -entre outras moitas- están previstas no Plan Forestal de Galicia
 

Vigo, 22 de outubro de 2021.- A Xunta tende a man ao Concello de Vigo para traballar en común a prol da mellora do seu monte periurbano e da prevención e defensa da cidade olívica fronte os incendios forestais. Así o trasladou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, durante a súa visita ao monte de Valadares, na contorna de Vigo, na que estivo acompañado polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e pola delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias.

O titular de Medio Rural supervisou as obras realizadas ao abeiro do convenio entre o Goberno galego, a mancomunidade de montes da cidade e cada unha das comunidades de montes veciñais en man común de Valadares, San Andrés de Comesaña, Coruxo e Zamáns para restablecer o valor ambiental, económico e social destes terreos forestais.
As actuacións céntranse na recuperación do potencial forestal danado nestes montes e teñen un orzamento total de 1,4 millóns de euros. Parte das obras -en montes veciñais en man común de Zamáns e San Andrés de Comesaña- xa están rematadas. Trátase de intervencións que consistiron na construción de peches protectores de rexeneración, na plantación de frondosas e piñeiros ou na roza e na mellora de pistas forestais.

A maiores, o resto de actuacións previstas están executadas nunha porcentaxe que oscila entre o 28% -no caso da mancomunidade de Valadares- e o 53% en Coruxo. A media do grao de execución no conxunto destas obras acada o 43%. En concreto, consisten tamén na roza, na plantación de especies coníferas e frondosas ou no amaño de pistas forestais, entre outras.

Falla de resposta e de compromiso do alcalde

Neste contexto, José González agradeceu a colaboración dos comuneiros e, ao tempo, lamentou a falla de resposta e de compromiso do alcalde vigués á súa demanda, trasladada por carta en abril pasado, de manter unha xuntanza para abordar estas cuestións e concretamente a infraestrutura do anel verde comprometida polo rexedor. Así, o conselleiro sinalou que “hai medio ano que agardo a contestación do rexedor á miña oferta de celebrar esa reunión”.

Ademais, José González explicou que as afirmacións do alcalde, no sentido de que o seu proxecto de anel verde non vai adiante “por culpa da Xunta”, carecen de fundamento. O titular de Medio Rural sinalou, a maiores, que tampouco é verdade que este proxecto non poida recibir fondos europeos pola suposta falta de resposta da Xunta. O Concello podía perfectamente solicitar estes fondos, sen que fose preciso ningún informe por parte da Administración autonómica “porque unha cousa é a petición de fondos para un determinado proxecto e outra distinta a súa tramitación administrativa”, aclarou González.

Na carta remitida ao alcalde o pasado 9 de abril se deixa meridianamente claro que o anel verde está nunha fase da súa tramitación que non require de ningún informe preceptivo ou obrigatorio da Administración autonómica. Non obstante, na carta indicábase que, en aras dos principios de cooperación, colaboración e coordinación entre administracións públicas e coa vontade clara de apoiar a candidatura do anel verde aos fondos Next Generation remitíanselle ao concello dous informes dos correspondentes centros xestores da Consellería. Os dous informes supoñen un claro apoio ao anel verde. De xeito particular, o informe da Dirección Xeral de Defensa do Monte sinala que o anel verde considérase positivo dende o punto de vista de prevención dos incendios forestais, e a diversidade de actuacións contempladas, enfocadas á redución dos efectos dos lumes de interface urbano forestal, inclúe a dotación ou mellora de infraestruturas preventivas (diminución do combustible, mellora de vías, construción de puntos de auga, etc), beneficiosas dende a perspectiva da prevención dos lumes.

Na mesma carta recollíase unha petición de reunión co alcalde de Vigo para poder avanzar nun traballo común de cara ao deseño do monte periurbano desta cidade, dentro do que se configuraría o anel verde como unha das súas principais infraestruturas. Ao tempo, trasladábase a total disposición por parte da Xunta de Galicia a concretar calquera apoio que se estimase necesario para reforzar a candidatura do anel aos fondos Next Generation.

En calquera caso, o conselleiro fixo “unha vez máis” unha chamada á colaboración institucional a prol de Vigo e da súa contorna baseada en dous argumentos básicos. Por un lado, porque a configuración dun anel verde para protexer a Vigo dos incendios forestais encaixa perfectamente na planificación que recolle o Plan Forestal de Galicia recentemente aprobado e enmárcase dentro da vontade da Xunta de conformar o bosque periurbano da cidade. Por outra banda, porque tanto o deseño do bosque periurbano como do anel verde, así como o seu trazado, teñen que facerse contando co acordo e a colaboración da mancomunidade de montes veciñais en man común de Vigo, pois a práctica totalidade das actuacións levaranse a cabo nos seus terreos.

Esforzo investidor da Xunta

Nesta visita a Vigo, o conselleiro trasladou tamén o esforzo investidor que o Goberno galego vai realizar o vindeiro ano en materia forestal non só nesta bisbarra, senón en toda Galicia. Salientou que se van destinar preto de 28 millóns de euros a desenvolver estas medidas, que -entre outras moitas- están previstas no Plan Forestal de Galicia. Así, José González destacou o orzamento de 12,7 millóns de euros ao longo do 2022 para forestación, é dicir, para o fomento de plantacións, incrementando esta partida orzamentaria nun 68% en relación co anterior exercicio. Tamén aumentan en case un cen por cento os fondos para apoiar a silvicultura de frondosas e a boa gobernanza dos montes, pasando dos 5,3 millóns deste ano aos 10,5 millóns do vindeiro. Así mesmo, a Consellería do Medio Rural convocará unha nova liña de axudas para novas plantacións de castiñeiro e para a recuperación de soutos tradicionais, cunha dotación de 4,5 millóns de euros.

Nesta liña, José González salientou que se trata dunha “decidida aposta polo fomento das especies frondosas autóctonas” e que con todas estas medidas -que se enmarcan tamén no Plan Forestal de Galicia- “reafirmamos o noso compromiso a prol do monte galego e polo seu futuro e a súa diversificación”.
 

Galería

A Xunta reitera a oferta de colaboración ao concello de Vigo a prol da mellora do seu monte periurbano
A Xunta reitera a oferta de colaboración ao concello de Vigo a prol da mellora do seu monte periurbano
A Xunta reitera a oferta de colaboración ao concello de Vigo a prol da mellora do seu monte periurbano