Nova

Compartir
A Xunta informa da aprobación do acordo da zona de concentración parcelaria de Briallos, no concello de Portas, aos 713 propietarios

A Xunta informa da aprobación do acordo da zona de concentración parcelaria de Briallos, no concello de Portas, aos 713 propietarios

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, asistiu, acompañado do alcalde, Ricardo Martínez, ao encontro cos propietarios beneficiarios, aos que se comunicou a inminente notificación individual das fincas resultantes outorgadas e a apertura do proceso de exposición pública

O proxecto reagrupa 3.688 parcelas que ocupan 338 hectáreas en apenas 1.355 predios, o que permite incrementar a superficie media ata os 2.362 m2 para facilitar o desenvolvemento de traballos agrogandeiros, que supoñen o 45%, e forestais

A Consellería do Medio Rural, que xa investiu 2,2 M€ nun procedemento no que as bases definitivas xa son firmes, está a rematar a colocación dos marcos para que os donos visualicen as novas parcelas de substitución e xa encargou as obras nos camiños principais e secundarios por 581.000 €

Portas, 24 de novembro de 2022 A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, informou na xornada de hoxe da aprobación do Acordo reestruturación parcelaria da Zona de Concentración de Briallos, no Concello de Portas, nun encontro celebrado cos 713 propietarios beneficiarios de dito proceso na antiga Azucreira.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o xefe territorial da Consellería do Medio Rural, Antonio Crespo, presidiron esta mañá esta reunión informativa, que tamén contou coa presenza do alcalde de Portas, Ricardo Martínez, e de técnicos de Infraestruturas Agrarias. Na mesma explicouse que nos vindeiros días os propietarios comezarán a recibir as notificacións individuais das fincas resultantes que se lles adxudican a cada un deles e da apertura do proceso de exposición pública.

 

A parcelaria de Briallos, cuxas bases definitivas adquiriron firmeza en outubro do pasado ano, viu como o Acordo de reestruturación parcelaria recibiu o informe favorable da xunta local e, posteriormente, a comezos do presente mes de novembro, foi aprobado pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

 

Neste momento, e tras a próxima recepción das notificacións por parte dos donos, abrirase a fase de información pública dos planos, que estarán expostos na web da Consellería do Medio Rural e na antiga escola de Briallos. Os beneficiarios disporán dun prazo dun mes -dende o día seguinte á recepción da súa notificación- para interpoñer, se así o consideran, un recurso de alzada contra a súa concesión e de dous meses para a realización de permutas de mutuo acordo. En caso de que as reclamacións non superen o 6% do total, podería procederse á toma de posesión provisional dos novos predios.

 

Paralelamente, a Consellería do Medio Rural está a finalizar os traballos de colocación dos marcos nas fincas resultantes para facilitar a visualización e localización por parte dos donos e tamén encargou a execución da rede de camiños secundarios e da mellora dos camiños principais deste proceso de reestruturación por un importe de 581.000 euros e un prazo de execución de doce meses. Esta última actuación está pendente da recepción dos permisos sectoriais doutros organismos, polo que se prevé que comece nos primeiros meses do vindeiro ano.

 

A concentración parcelaria de Briallos comprende os lugares de Barosa, Bouza, O Castro, Cima de Vila, O Cruceiro, A Igrexa, A Maquieira e O Outeiriño e ten unha superficie de 338 hectáreas, das que o 45% son de actividade agrogandeira e o 55% restante para uso forestal. As 3.688 parcelas iniciais tiñan unha superficie media de 918 m2, pero os traballos de reagrupación permiten reducilas a 1.355 cunhas dimensións de 2.362 m2, o que facilita a operatividade e o desenvolvemento dos traballos de campo. Ademais, a propiedade estará moito máis concentrada, xa que os 713 beneficiarios pasarán de ter unha media de 5,17 parcelas a só 1,90.

 

Ata a data, a Xunta de Galicia xa investiu preto de 2,2 millóns de euros neste proceso, dos que máis de 1,5 millóns correspondéronse con obras físicas, mentres que a contía restante destinouse aos traballos de carácter técnico.

Galería