Nova

Compartir
A Xunta investirá preto de 46.000 euros na mellora de dous camiños rurais do concello de Rairiz de Veiga

A Xunta investirá preto de 46.000 euros na mellora de dous camiños rurais do concello de Rairiz de Veiga

José González trasladoulle á rexedora deste concello ourensán que esta actuación está enmarcada no Plan de extraordinario de reparación de camiños da Limia, o cal conta cun orzamento global para a súa segunda fase de máis de 550.000 euros

Santiago de Compostela, 6 de decembro de 2022 O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha xuntanza de traballo coa alcaldesa do concello de Rairiz de Veiga, Josefa Asunción Morgade, para abordar cuestións relativas ao agro galego. En concreto, analizaron a futura mellora de dous camiños neste municipio ourensán, por importe de case 46.000 euros.

 

Así, o titular de Medio Rural sinalou que estas obras están contempladas dentro do Plan extraordinario de recuperación de camiños da Limia. Un programa, indicou, que na súa primeira fase contou cun orzamento inicial de 600.000 euros de fondos propios da Consellería.

 

Ademais , tras a aprobación da segunda fase deste Plan extraordinario, o departamento que dirixe José González investirá algo máis de 550.000 euros en reparar uns 17 quilómetros de 12 camiños dos concellos de Baltar, Calvos de Randín, Porqueira, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Xinzo de Limia e Rairiz de Veiga.

 

Neste caso concreto, José González indicou que se levará a cabo o bacheo e posterior dobre tratamento asfáltico, incluíndo a limpeza de canos transversais, aportación de pedraplén e a colocación de sinalización vertical. Así, con esta rehabilitación de viarios, vaise mellorar os camiños que son frecuentados polos agricultores e gandeiros da zona para facilitarlles o seu traballo e reducir custos.