Cooperativismo

Compartir

A Consellería do Medio Rural considera esencial apoiar aquelas accións orientadas a incrementar a formación cooperativa dos agricultores e gandeiros socios, os seus traballadores e membros familiares vencellados á actividade agraria. A modernización e o desenvolvemento sustentable do asociacionismo agrario representan o modelo máis dinámico e eficiente dende un punto de vista socioeconómico.

As cooperativas contribúen moi positivamente na continua modernización do sector agrario galego e na súa progresiva adaptación a un mercado cada vez máis amplo, diverso e esixente. Supoñen unha ferramenta de gran potencialidade para a reestruturación e a modernización do medio agrario galego, intervindo positivamente en todos os seus factores de produción, para acadar obxectivos de sustentabilidade económica e medioambiental.

Os cambios que supoñen as orientacións da política agraria común (PAC), así como a evolución de todo un complexo conxuntural de carácter socioeconómico, cultural, de mercado a nivel internacional, fan necesario dar pasos máis decididos na dirección dun asociacionismo de maior dimensión, integrado, e máis eficiente no desenvolvemento de actividades, con maior capacidade de xerar valor engadido, cunha maior capacidade de diversificación das súas accións e maior decisión para afrontar iniciativas na industrialización e comercialización das producións dos seus socios. É preciso, tamén, un asociacionismo máis participativo dende un punto de vista social e económico que cimente unha estrutura empresarial forte, sustentábel e con fonda vinculación ao conxunto da sociedade na que está asentado.

Estase incentivando tamén o reforzo da interlección institucional agraria, artellando mecanismos eficaces de participación do sector agrario coa Administración, asegurando a presenza dos intereses dos produtores agrarios nos procesos de avaliación e decisión das políticas agrarias, e potenciando as organizacións profesionais agrarias pola súa contribución no fortalecemento do sector a través do intercambio de opinións entre a Administración e os produtores e produtoras agrarios.