Etiqueta

Compartir

A Consellería do Medio Rural ten prevista unha estratexia de implantación de marca de calidade para a produción hortícola de Galicia. A existencia dun produto potencialmente diferenciado que lle achegue un valor engadido ao consumidor, que cómpre protexer e optimizar, é un dos argumentos para a consecución desta marca de calidade en proceso de elaboración.

Con esta etiquetaxe identificadora, perséguese buscar un consumidor que permita asentar a produción no mercado, que localice no punto de venda unha imaxe común da horta galega, tanto para garantir a orixe como a calidade. Esta etiqueta demostrará a certificación do cumprimento das especificacións recollidas no regulamento que se atopa en proceso de elaboración, cunha participación directa do sector hortofrutícola.

Esta marca de calidade estará sustentada nun regulamento especificamente creado consonte o que se certificarán os produtos de horta galega, para ser identificados cunha contraetiqueta rexistrada como marca de garantía que complementará a propia marca da empresa produtora.

Será unha marca de garantía como sistema de identificación dos produtos que subliñarán a natureza hortícola da produción amparada, potenciando os cultivos ao aire libre e as hortalizas de inverno, de carácter máis específico, local e diferenciado en Galicia.

Dende a Consellería do Medio Rural búscase a participación directa do sector hortofrutícola neste proceso de consecución da marca de calidade, que vai permitir a diferenciación destes produtos galegos e unha contribución a manter o sabor orixinal ligado ao territorio, como unha forma de preservar a nosa identidade agraria e cultural.