Produción integrada

Compartir

A produción integrada defínese como un sistema de produción agraria, que utiliza ao máximo os recursos e os mecanismos de produción naturais mediante a introdución de tecnoloxías respectuosas co medio, asegurando unha produción de alta calidade e salubridade contrastada, a rendibilidade da explotación e a eliminación ou redución de aprovisionamento externo e de fontes contaminantes.

A administración galega regulou no seu ámbito a produción Integrada, co fin de facilitar aos agricultores un sistema de produción que integre as boas prácticas agrarias e garanta os requisitos actuais que afectan á seguridade alimentaria e ao coidado medioambiental.

O proxecto de partida está deseñado cun marco normativo que abrangue non só os produtos vexetais en fresco, senón tamén os produtos gandeiros e os transformados. A norma de referencia a nivel estatal é o Real Decreto 1201/2002 do 20 de novembro, polo que se regula a produción integrada de produtos agrícolas (BOE 287 30/11/02).

En Galicia, a orodución integrada está regulada polo Decreto 68/2004 do 11 de marzo sobre a Produción Integrada e a súa indicación nos produtos agrarios (DOG 64 01/04/04). Posteriormente as directrices alí establecidas desenvolvéronse na Orde do 30 de maio, sobre a produción integrada e a súa indicación nos produtos agrarios (DOG 117 20/06/05) e nos regulamentos técnicos específicos dos diferentes cultivos.

Basicamente a Produción Integrada está regulada por disposicións que afectan os seguintes apartados:

  • Obrigas que deben cumprir os operadores, xa sexan produtores, manipuladores, transformadores ou comercializadores.
  • As normas que deberá cumprir o sistema produtivo.
  • Os sistemas de control que se esixen.
  • A diferenciación deste sistema no mercado.
Regulamentos técnicos da produción integrada

Os requisitos que establece a produción integrada recóllense para cada cultivo ou produto, grupo de cultivos ou produtos no correspondente regulamento técnico, que recolle as normas técnicas a seguir dende a fase de obtención da materia prima ata, se é o caso, a elaboración, manipulación, envasado, etiquetaxe, almacenaxe e posta á disposición do consumidor.

A produción integrada reflicte a aplicación destas normas ao garantir no seu sistema produtivo a identidade orixinaria das producións agrarias e consecuentemente, ao aplicar os principios de control, ao longo de toda a cadea de produción de alimentos. Deste xeito, en calquera punto das devanditas fases produtivas poderase verificar o cumprimento da aplicación das prácticas respectuosas co medio, así como a seguridade e a calidade do produto.

Cadernos de explotación

Todas as prácticas realizadas no proceso de obtención do produto, dende a preparación do terreo e sementeira ata a súa recolección, serán recollidas nun caderno de explotación oficial no caso do produtor. Deste xeito, o operador levará a cabo un autocontrol pormenorizado da explotación, garantindo a identidade orixinaria ao longo do proceso de obtención.

No caso dun operador dedicado á elaboración, manipulación, envasado, almacenamento, etiquetaxe ou comercialización exixiráselle un libro de rexistro, onde reflectirá as materias e produtos entrantes, todas as prácticas realizadas no proceso produtivo que corresponda así como os produtos saíntes, de xeito que se garanta a súa identidade orixinaria. Ambos os dous estarán á disposición dos organismos controladores establecidos.

Pode descargar os cadernos de cada modalidade: