Pladiga 2023

Compartir

A elaboración do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (PLADIGA) obedece ao disposto na Lei 3/2007, do 9 de abril de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, á Lei 17/2015, do 9 de xullo, do Sistema Nacional de Protección Civil, á Lei 5/2007, do 7 de maio, de Emerxencias de Galicia, ao Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA) e ao Plan Especial de Protección Civil ante Emerxencias por Incendios Forestais na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 3/2007, no seu artigo 5 punto 2, establece que as competencias da Xunta de Galicia en materia de incendios forestais serán exercidas polo Consello da Xunta e pola consellería competente en materia forestal. E segundo o artigo 6, puntos 1b) e 2, correspóndelle á Xunta de Galicia elaborar o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e á consellería competente en materia forestal exercer estas competencias.

Ademais, conforme á Lei 3/2007 e no seu artigo 14 punto 1, o PLADIGA reflectirá a política e as medidas para a defensa dos terreos forestais e das áreas de influencia forestal, englobando os plans de prevención, protección, sensibilización, vixilancia, detección, extinción, investigación e desenvolvemento, soporte cartográfico, coordinación e formación dos medios e axentes do servizo, así como unha definición clara de obxectivos e metas por acadar, a programación das medidas e accións, o orzamento e o plan financeiro, así como os indicadores da súa execución.

O PLADIGA 2023 (Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia) ten por obxecto o establecemento da organización e o procedemento de actuación dos recursos e servizos cuxa titularidade corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, daqueles que poidan ser asignados a este pola Administración Xeral do Estado, así como dos que puidesen ser facilitados por outras entidades públicas ou privadas para facer fronte aos incendios forestais dentro do territorio galego, e permitir, no seu caso, unha coordinación e actuación conxunta dos diversos servizos e administracións implicadas na loita contra o lume, co fin de desenvolver na súa totalidade a fase de actuación das Situacións 0 e 1, referidas a aqueles lumes forestais con Índice de Gravidade Potencial 0 ou 1, clasificados así polas dimensións ou as características da masa forestal afectada, e aquelas propias asignadas para a Situación 2 no PEIFOGA.

 

Funcións básicas

  • Prever a estrutura organizativa e os procedementos para a prevención, detección, extinción e investigación de incendios forestais segundo as épocas de perigo.
  • Establecer con carácter xeral as épocas de perigo, relacionadas co risco de incendios forestais, en función das previsións xerais e dos diferentes parámetros locais que definen o risco.
  • Reducir ao máximo posible, tendo en consideración os recursos dispoñibles, as consecuencias ecolóxicas, económicas e sociais producidas polos incendios forestais.
  • Establecer os obxectivos e as actuacións a desenvolver no ano 2023 para facer fronte aos incendios forestais.

A elaboración do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia corresponde á consellería competente en materia forestal. A aprobación deste plan corresponde ao Consello da Xunta, a proposta da devandita consellería, oído o Consello Forestal de Galicia.

 

Medios adscritos ao PLADIGA

O PLADIGA fai unha relación exhaustiva de medios humanos e materiais que inclúe:

  • Os medios propios da Consellería do Medio Rural, de entidades públicas e privadas.
  • Os medios propios da Administración Local, incluíndo os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), as brigadas de prevención e extinción, os vehículos motobomba conveniados, os parques comarcais de bombeiros e os parque municipais de bombeiros.
  • Os medios contemplados no Plan Contra Incendios Forestais Estatal do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación para o apoio as CCAA.
  • Os apoios puntuais de medios das CCAA fronteirizas coas que existe convenio ou acordo.

 

Plans que engloba o PLADIGA

O PLADIGA integra catro plans:

Plan de prevención

A prevención constitúe unha das bases fundamentais na loita contra os incendios forestais. Defínese como o conxunto de accións encamiñadas a eliminar os riscos que poden ser orixe dos lumes e da súa propagación.

O Plan de Prevención da Dirección Xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural inclúe a regulación do uso do lume, as accións sociolóxicas e de educación ambiental, os sistemas de alerta preventiva, a silvicultura preventiva, a creación e mellora de infraestruturas de defensa e accións de mellora da xestión forestal e das súas producións, que redunden nun incremento do valor do monte.

Plan de detección, disuasión, investigación e medidas correctoras

Este Plan contribuirá a reducir o número de lumes e a influír positivamente no comportamento da poboación, co fin de evitar neglixencias e exercer unha función disuasoria nos causantes de lumes intencionados, ao saber que a investigación, a presenza policial e a vixilancia é continuada e que non se limita só as épocas de maior perigo.

Por outra parte, para levar a cabo un rápido control dos lumes, é necesario contar cun sistema eficiente de detección dos mesmos, que permita iniciar a extinción o antes posible.

O Plan comprende as vertentes forestal e policial e articúlase en detección, disuasión e investigación

Plan de extinción

De acordo cos principios de intervención rápida, acción de conxunto e concentración de esforzos, no plan de extinción recóllense os medios humanos e materiais, a súa distribución territorial e o procedemento operativo.

Plan de formación

A formación é unha actividade imprescindible que reforza e mellora a profesionalización do persoal. Os contidos, a extensión e a intensidade da formación adaptarase a cada categoría profesional.

Todo o persoal relacionado directamente coa extinción de incendios forestais deberá recibir unha formación xeral e específica acorde á súa categoría profesional. Os organismos responsables velarán para que todo o persoal ao seu cargo reciba a citada formación.

Do mesmo xeito, tamén é importante a formación en materia de prevención do persoal, así como doutras administracións con competencias en incendios forestais, polo que se desenvolveran accións formativas en varias liñas deste eido.