Forestal

Compartir

 

Dende a Consellería do Medio Rural apóstase polo desenvolvemento do Modelo Galego de Gobernanza Forestal para o monte de Galicia e que se sustenta nos principios e criterios fundamentais que se enumeran a continuación:

Principio universal de sustentabilidade. Garantirase a compatibilidade e persistencia sostida dos bens e servizos ambientais, económicos e sociais que os espazos e recursos forestais dos montes galegos sexan capaces de proporcionar, mediante o exercicio dunha xestión forestal sustentable e unha ordenación racional e eficiente, de maneira que o uso e goce dos sistemas forestais non supere a capacidade de carga dos ecosistemas nin a de renovación dos seus recursos, conservando a súa diversidade biolóxica e os hábitats forestais nun estado próximo á natureza e manténdoos nun adecuado estado de saúde e vitalidade sen afectar aos lindeiros nin a outros procesos ecolóxicos esenciais relacionados. Este principio xeral de sustentabilidade preside e comprende aos demais principios e criterios do que forman parte.

  • Criterio xeral de multifuncionalidade. Por este criterio enténdese que os espazos forestais deben considerarse sistemas de usos múltiples, de modo que sobre eles converxen as diversas funcións e prestacións ecolóxicas, económicas e sociais que, en xeral, non se consideran excluíntes entre si, á marxe da prevalencia dalgunha delas sobre as demais.

Principio fundamental de responsabilidade ambiental. Trátase de adoptar a obrigada consideración e perspectiva ambiental inherente aos ecosistemas forestais como principio ético de actuación, polo cal a política forestal ten unha dimensión ambiental consubstancial que obriga a ter en conta os factores, alternativas e efectos ambientais no seu deseño e aplicación, o que require asumir en todo caso obxectivos de conservación na xestión dos espazos e recursos forestais, en xeral, e con carácter prioritario nos espazos forestais protexidos, en particular.

  • Criterio xeral de conservación da biodiversidade. Enténdese que, en todo caso, débese garantir a conservación e uso sustentable da diversidade biolóxica que almacenan os montes como ecosistemas forestais, tanto das especies de flora e fauna silvestres ou dos recursos xenéticos que albergan, como dos hábitats, ecosistemas e paisaxes dos que forman parte.

Principio democrático de lexitimidade e transparencia. Recoñecerase o dereito dos cidadáns para ser informados e escoitados para ter a oportunidade de intervir activamente na toma de decisións, así como de involucrarse no desenvolvemento e execución das políticas públicas acordadas cos axentes implicados do sector.
Este principio democrático participativo descarta, por tanto, a imposición unilateral das disposicións ambientais polos gobernos e autoridades..

  • Criterio esencial de participación social. Supón a participación e intervención activa das entidades e axentes locais implicados ou interesados na política forestal galega, de acordo coa normativa europea e estatal aplicables sobre o dereito de acceso dos cidadáns á información, á participación pública e á xustiza en materia de medio ambiente.

Principio de gobernanza economicamente comprometida. Unha política forestal eficiente para que sexa viable require adoptar compromisos económicos formais, tanto orzamentarios como financeiros para procurar o seu cumprimento e execución de maneira que, segundo as recomendacións internacionais, gobernanza e financiamento son aspectos ineludibles e imprescindibles para desenvolver unha política forestal eficaz que sexa sustentable. Trátase de harmonizar obxectivos sociais e económicos con obxectivos ecolóxicos e ambientais.

  • Criterio de equilibrio e desenvolvemento socioeconómico sustentable. A conservación e uso sustentable dos espazos e recursos forestais, ademais dos criterios de sustentabilidade, responsabilidade ambiental e participación social, require adoptar un criterio socioeconómico que manteña o equilibrio esixible polo principio universal de sustentabilidade para compatibilizar o valor ambiental e socioeconómico dos montes, é dicir, harmonizar os obxectivos e intereses ambientais, económicos e sociais que converxen sobre os bosques e sistemas forestais.

Principio de legalidade. É preciso cumprir e facer cumprir a lexislación vixente en materia de montes respecto aos deberes e dereitos dos propietarios forestais.

  • Criterio de seguridade de persoas e bens. O cumprimento da lei e a pertinente tutela das administracións públicas deben garantir a protección e seguridade das persoas, os bens e servizos ante os riscos que lles ameazan relacionados co monte galego, en especial ante o perigo dos incendios forestais que, polo risco e delito que supón a súa ocorrencia, constitúen unha cuestión de protección cidadá e de orde pública.