Agrupacións forestais de xestión conxunta

Compartir

As agrupacións terán por finalidade a xestión conxunta e sustentable dos terreos forestais co fin de recuperalos e poñelos en valor; impedir o seu abandono; favorecer a xestión, produción e comercialización conxunta; servir como instrumento para a protección do medio ambiente, a prevención e defensa contra os incendios forestais, a protección fronte a catástrofes e a mitigación e adaptación  contra o cambio climático; a creación de emprego endóxeno, colaborando no aumento da calidade de vida e expectativas de desenvolvemento da poboación rural.

Serán agrupacións forestais de xestión conxunta as seguintes entidades, que cumprindo cos preceptos lexislativos, a súa actividade se desenvolva en terreos forestais no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia:

  • Asociacións sen ánimo de lucro constituídas para o auxilio, apoio e asesoramento ás persoas propietarias ou titulares dos dereitos de aproveitamento de terreos na planificación da xestión forestal e na xestión e comercialización conxunta dos seus aproveitamentos, sempre que estean compostas por titulares dos indicados dereitos dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Sociedades civís e comunidades de bens.
  • Cooperativas.
  • Sociedades agrarias de transformación.
  • Sociedades mercantís reguladas na lexislación de sociedades de capital.
  • Sociedades de fomento forestal.
  • Calquera outra que teña por obxecto a recuperación e posta en valor, de forma conxunta, de terras forestais.