Aulas forestais

Compartir

Coa rede de aulas forestais preténdese fomentar a cultura forestal a través de actividades de educación e divulgación dirixidas a diferentes axentes do sector forestal e ao público en xeral, pero especialmente aos máis novos, para os que existe un programa de actividades específico.

Entre os seus obxectivos principais está o de ser puntos de encontro para a realización de actividades de carácter forestal; a ensinanza de labores forestais (plantacións, tratamentos silvícolas e aproveitamentos, entre outros), e como centro de visitas de colexios para complementar a formación dos nenos e nenas no seu coñecemento do bosque. Estas visitas pódense complementar con actividades prácticas no exterior mediante sendeiros interpretativos no contorno da aula forestal.

A rede de aulas está formada polas de San Xoán (Guitiriz), Os Trollos (Bóveda), A Aula do Eucalipto (Mondoñedo) e Baleira, na provincia de Lugo; Areas (Tui) e Covelo na de Pontevedra; A Falmega (Oroso) na da Coruña e Os Milagros (Maceda) na de Ourense. Estes centros fan de Galicia unha comunidade pioneira en materia de divulgación da cultura forestal.

Permiten adquirir coñecementos básicos e unha formación correcta no ámbito forestal cos que facilita aos máis novos facer unha valoración do monte acorde coa súa importancia e desenvolver as actitudes e os comportamentos que reclaman as novas funcións que ten que cumprir o bosque a través de monitores e profesores competentes na materia e coa axuda de material escolar e divulgativo correctamente deseñado.

Cada unha das aulas céntrase nunha serie de bloques temáticos que fan unha revisión do ámbito forestal nos seus diferentes aspectos: económico, etnográfico, ecolóxico… Deste xeito, expóñense paneis e mostras sobre a ordenación dos montes, a ecocertificación, as ferramentas, os viveiros, a industria, os incendios forestais, as pragas ou os produtos complementarios do monte.

Díptico informativo da Aula Forestal Os Trollos 
Díptico informativo da Aula Forestal de Areas