Fomento da multifuncionalidade do monte

Compartir

A Dirección xeral de Planificación e Ordenación Forestal está xestionando un conxunto de ordes de axuda para o fomento forestal, a xestión forestal sustentable, a prevención contra incendios forestais e outras catástrofes, a recuperación do potencial forestal danado, ou a posta en valor dos servizos ecosistémicos dos montes.

Ordenación e xestión forestal sustentable (XFS)

Dende o ano 2018 a Consellería do Medio Rural está publicando convocatorias de axudas públicas para fomentar a ordenación e xestión forestal sustentable do monte.

Convocatoria anos 2018/2019. Concesión axuda.

Convocatoria anos 2020/2021. Concesión axuda.

Convocatoria anos 2022/2023. Concesión axuda.

Estes instrumentos de ordenación promoven os servizos ecosistémicos, tales como o secuestro de carbono, a protección dos solos, da auga, o mantemento da biodiversidade ou a preservación da calidade paisaxística. Asemade afondan na posta en valor e multifuncionalidade de todos os recursos forestais que proveen os montes; madeira, biomasa, resina, cogomelos, pasteiros ou cortiza, así como a creación das infraestruturas verdes e a execución das actuacións necesarias para a prevención contra os incendios forestais.

O fin último destas axudas é a consolidación da propiedade forestal mediante unha xestión sustentable demostrada, toda vez que ditas axudas (convocatorias 2020/2021 e 2022/2023) están vinculadas a un compromiso dos beneficiarios de executar un plan de actuacións e obter un selo dun sistema de certificación forestal recoñecido internacionalmente (PEFC ou FSC) que tras unha auditoría previa, asegura que esa xestión forestal cumpre cos estándares de sustentabilidade que esixen as políticas de neutralidade climática e transición verde.

Como se pode ver na gráfica, os datos das convocatorias aumentaron en superficie e investimento na segunda convocatoria e na terceira disminuíron. Na primeira das convocatorias (ano 2018) concedéronse axudas a 157 expedientes, que sumaban 127.729 hectáreas de ordenación cunha axuda de investimento de 3.211.807,02 €, na convocatoria de 2020 concedéronse axudas a 676 beneficiarios para un total de 196.241,00 hectáreas a ordenar/xestionar cunha subvención total de 4.392.323,22 €, e na convocatoria de 2022 concedéronse axudas a 248 beneficiarios para un total de 56.432,00 hectáreas a ordenar/xestionar cunha subvención total de 1.678.139,23 €.

Creación de superficies forestais

Estas convocatorias de axudas públicas teñen por obxecto a creación de superficies forestais en terras non agrícolas. E inclúen, entre outras, a posibilidade de solicitar subvencións en superficies ocupadas por eucalipto (Eucalyptus sp.) con diámetro normal medio inferior a 10 cm, ou superficies ocupadas por acacia negra (Acacia melanoxylon), mimosa (Acacia dealbata) e/ou falsa acacia (Robinia pseudoacacia), á fin de incentivar cambios de especies cara masas de frondosas caducifolias ou coníferas.

Os datos de concesión das axudas convocadas nos anos 2018 a 2023, pódense consultar nos informes adxuntos:

Convocatoria anos 2018/2019: Informe executivo de concesión

Convocatoria anos 2019/2020: Informe executivo de concesión

Convocatoria anos 2020/2021: Informe executivo de concesión

Convocatoria anos 2021/2022: Informe executivo de concesión

Convocatoria anos 2022/2023Informe executivo de concesión

Convocatoria anos 2023/2024

Como se pode observar os valores en superficie e especies solicitados por especie forestal (ou agrupacións de xénero) amosan tendencias constantes e estables. Estes datos, mantidos no tempo, achegan un significativo nivel de certidume para que as empresas provedoras de material forestal de reprodución (MFR) planifiquen as campañas de produción e comercialización de planta forestal en Galicia.

Deste xeito, no caso de coníferas, o piñeiro marítimo (Pinus pinaster) e o piñeiro silvestre (Pinus sylvestris) supoñen case o 90% da superficie obxecto de repoboación forestal, que aproxímase ás 2.000 hectáreas ao ano (50% cada especie), e o número de plantas sobre os 2 millóns de plantas ao ano (1 millón cadansúa especie). Débese sinalar que, nas cinco últimas convocatorias de axuda, no caso do Pinus pinaster, é obrigado que as plantas posúan a categoría controlada (etiqueta azul).

Respecto ás frondosas caducifolias, as tendencias históricas mantéñense novamente estables, con fluctuacións salientables nas especies de castiñeiro onde inicialmente as solicitudes de axuda centrábanse en Castanea sativa para acabar nas últimas convocatorias collendo maior peso o castiñeiro híbrido (resistente a enfermidade da tinta).

De xeito resumido, son as especies do xénero Quercus spp, maioritariamente o carballo (Quercus robur), os castiñeiros (Castanea sativa e Castanea hybrida) e o bidueiro (Betula spp) as especies máis solicitadas nos expedientes de subvención.

Silvicultura activa de masas de coníferas

A madeira de piñeiro do país leva sendo desde o século XIX un recurso económico de primeira importancia para Galicia, e sobre o que se asentou unha importante actividade transformadora e exportadora, co aserrado como primeira transformación. Xa na segunda metade do século XX, o recurso de piñeiro foi esencial para o desenvolvemento da industria de madeira baixo transformación mecánica.

Analizando o volume de aproveitamentos de madeira en Galicia con respecto ao conxunto de España, Galicia contribuíu co 44,5% do volume estatal de madeira de coníferas durante o período de 1992- 2013. Neste período de estudo, o 71,1% da madeira en rolo de piñeiro marítimo (Pinus pinaster) de España procedeu de Galicia. Galicia achegou ademais o 34,3% da madeira de piñeiro insigne e o 9,5% da madeira de piñeiro silvestre (Pinus sylvestris).

Fomentar a aplicación dunha silvicultura orientada ao produto, que optimice a rendibilidade final da madeira, mediante o desenvolvemento técnicas específicas a seguir nos labores de podas e claras acordes coas características e estado forestal de cada masa, co fin último de obter produtos finais de suficiente calidade tecnolóxica, é un obxectivo programático da cadea monte industria de Galicia.

Nun proceso de descarbonización, novos ecomateriais, como os productos de madeira masiva (CLT, LVL) que virán substituír materiais cunha maior pegada de carbono (aceiro, formigón), terán unha significativa demanda, ofrecendo unha oportunidade que a cadea debe abordar dunha forma eficaz e áxil se se quere situar cunha avantaxe estratéxica de mercado. Asegurar un subministro continuado e incremental exixe establecer e difundir un modelo silvícola específico para este tipo de ecomateriais, toda vez que os seus requirimentos tecnolóxicos só se poden satisfacer en orixe a través dunha silvicultura propia.

Deste xeito, a Consellería do Medio Rural, a través da dirección con competencias en materia de montes, está, dende hai moitos anos, a publicar axudas dirixidas a este fin. Estas foron as convocatorias de axudas públicas en materia de silvicultura activa de masas de coníferas, así como os datos de concesión no período 2018-2023:

Convocatoria anos 2018/2019. Concesión axuda.

Convocatoria anos 2019/2020. Concesión axuda.

Convocatoria anos 2020/2021. Concesión axuda.

Convocatoria anos 2021/2022. Concesión axuda.

Convocatoria anos 2022/2023. Concesión axuda.

Convocatoria anos 2023/2024.

Estas axudas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 e teñen dúas liñas, a primeira das liñas diríxese ao fomento de tratamentos silvícolas, é dicir, prácticas preventivas, de carácter local e a pequena escala, que permitan crear descontinuidades verticais e horizontais da cuberta vexetal e o control selectivo de combustible para previr incendios, como son:

  • Rareos (primeira clara non comercial) en masas estables de coníferas e a trituración, picadura ou extracción dos restos para o seu aproveitamento como biomasa.
  • Rozas e podas en masas de coníferas, dirixidas á creación de descontinuidades tanto horizontais como verticais en masas de coníferas.

Se tomamos en consideración os datos dos últimos catro anos (período 2018-2021), podemos observar que a maior parte do investimento foi destinado a comunidades de montes veciñais en man común na provincia de Ourense co obxecto de realizar actuacións de podas baixas en masas de coníferas (principalmente P. pinaster e P. sylvestris).

Valorización das masas de frondosas

As especies frondosas caducifolias de alto valor, como son o castiñeiro, carballo, nogueira, cerdeira, pradairo, freixo ou chopo, son as formacións boscosas máis representativas de Galicia abranguendo máis de 413 mil hectáreas segundo os datos rexistrados no 4ª Inventario Forestal Nacional (IFN4) para Galicia (2008-2010).

Estes ecosistemas favorecen a diversidade da vida silvestre e da fauna cinexética, especialmente en paisaxes de mosaico. Asemade a composición química foliar, cunha elevado grao de humidade, así como a súa situación por motivos de calidade de estación (valgadas, partes baixas das ladeiras) presentan unha maior humidade e profundidade edáfica, factores que inflúen na capacidade de ignición e propagación na loita contra os incendios forestais.

Os montes deste tipo de formacións son moi diversos na súa orixe e composición, e o seu principal beneficio económico dirixiuse tradicionalmente á obtención de leñas, conformando uns fustes demoucados, debido á reiteración de podas. Árbores que de forma natural posuían características relacionadas coa produción de madeira de alto valor cortáronse intensamente, incluso en séculos pasados, se favoreceron fenotipos con destinos agora en desuso (construción de barcos) o que supuxo, co tempo, unha degradación xenética importante.

Axudar aos silvicultores/as galegos/as a coñecer os itinerarios ou modelos de actuacións técnicas necesarias no manexo destas masas á fin de obter produtos de madeira de alto valor, especialmente naquelas zonas forestais onde xa de por si se producen episodios de rexeneración natural de frondosas constitúe o obxecto principal da Consellería do Medio Rural, que, dende hai moitos anos, está a publicar axudas dirixidas a este fin. Estas foron as convocatorias de axudas públicas en materia de valorización de masas de frondosas caducifolias mediante tratamentos silvícolas ou pola rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiro, así como os datos de concesión no período 2018-2022:

Convocatoria anos 2018/2019. Concesión axuda.

Convocatoria anos 2019/2020. Concesión axuda.

Convocatoria anos 2020/2021. Concesión axuda.

Convocatoria anos 2021/2022. Concesión axuda.

Convocatoria anos 2022/2023. Concesión axuda.

Convocatoria anos 2023/2024.

Estas axudas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 e teñen dúas liñas, a segunda das liñas diríxese ao fomento de tratamentos silvícolas (rareos, desmestas, podas, cortas de formación, rozas, etc.) en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras. Tamén se inclúen plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculadas ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques que non teñan carácter produtivo, como son a rexeneración e/ou mellora dos soutos de castiñeiros.

Se tomamos en consideración os datos dos últimos seis anos (período 2018-2023), podemos observar que a maior parte de investimento foi destinado a comunidades de montes veciñais en man común na provincia de Ourense co obxecto de realizar actuacións de tratamentos silvícolas (rareos, desmestas, podas, cortas de formación, rozas, etc.) en masas de frondosas caducifolias.

Boa gobernanza de comunidades de montes veciñais

O DOG número 26 do 9 de febreiro de 2021, publicou as primeiras axudas para impulsar a boa gobernanza nas Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC), que teñen por obxectivo profesionalizar a súa xestión e sufragar os custos para a consolidación destas propiedades colectivas. Cómpre destacar que estes terreos ocupan máis de 660.000 hectáreas en Galicia que representan máis do 25% da superficie forestal, de aí a importancia de convocar estas achegas.

Esta convocatoria pioneira con carácter bianual, subvenciona catro tipos de actuacións. Primeiramente, impúlsase o apoio profesionalizado á xestión forestal, con axudas á xestión administrativa e técnica para o desenvolvemento dos instrumentos de ordenación ou xestión forestal (IOXF) aprobados. Tamén se poderá sufragar a certificación forestal do monte ou o seguimento das actuacións relacionadas, como a obtención de permisos administrativos, redacción de proxectos, memorias ou informes, tramitación de axudas públicas ou direccións de obra.

O segundo grupo de actuacións contempla achegas para a revisión dos esbozos que recollen os límites dos montes veciñais, xa que unha boa parte deles presentan inexactitudes ou erros cartográficos. Canto ao terceiro e ao cuarto tipo de accións subvencionables, están relacionadas cos deslindamentos parciais entre CMVMC no primeiro caso, e cos deslindamentos parciais entre as comunidades de montes veciñais e propiedades particulares no segundo.

Respecto aos obxectivos da convocatoria, a dirección xeral con competencias en materia de montes da Consellería do Medio Rural persegue a posta en valor dos montes veciñais en man común para contribuír á fixación de poboación no rural, así como a multifuncionalidade destes terreos e o desenvolvemento sostible dos recursos mediante instrumentos de ordenación ou xestión forestal. Nesa liña, búscase ademais incrementar o número de montes con certificación forestal baixo o sistema PEFC ou o FSC, contribuír á loita contra o cambio climático mediante unha xestión resiliente axeitada que fixe mellor o carbono e reduza as emisións á atmosfera e, por último, promocionar as frondosas autóctonas, xa que os montes con este tipo de masas rexistradas ou en proceso de inscrición terán prioridade para acceder ás axudas.

Logo da concesión de axuda podemos analizar os beneficiarios por provincias, na provincia de A Coruña aprobáronse 124 expedientes a 85 CMVMC, por un importe total de case 400.000 euros; na provincia de Lugo aprobáronse 656 expedientes a 328 CMVMC, por un importe total de máis de 2,1 millóns de euros; na provincia de Ourense aprobáronse 650 expedientes a 367 CMVMC por un importe total de case 2,1 millóns de euros e, finalmente, na provincia de Pontevedra aprobáronse 440 expedientes a 276 CMVMC por un importe de máis de 1,5 millóns de euros. No conxunto de Galicia son un total de 1.870 expedientes aprobados, a un total de 1.056 CMVMC, por un importe de máis de 6,1 millóns de euros.

Unha vez aprobada a modificación do financiamento das axudas da convocatoria pola Orde do 7 de decembro de 2021, publicada no Diario Oficial de Galicia número 237, do 13 de decembro de 2021, as actuacións 1 (Apoio técnico) e 2 (Esbozos), están financiadas polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España financiado pola Unión Europea-Next Generation EU, o cal constitúe unha novidade no ámbito forestal de Galicia e do conxunto de España.

Os seguintes cadros resumen os datos do número de comunidades de montes veciñais en man común beneficiarias (en relación co número total de comunidades existentes) e o importe das axudas por tipo de actuacións:

Grafico_Gobernanza_1

Gráfico gobernanza 2