Inventario forestal continuo de Galicia (IFG)

Compartir

O territorio forestal galego caracterízase por cambios de uso frecuentes e pola importancia económica da masa forestal. As masas dedicadas á produción de madeira, concentrada nos montes de particulares, cun alto grao de parcelación e nos montes veciñais, en grandes unidades de explotación, supoñen o 4% da superficie arborizada dedicada á produción de madeira en España e nela prodúcese o 57% da madeira cortada no estado.

O Inventario Forestal Nacional é unha ferramenta indispensable e integra información fundamental para comprender a situación do monte en todas as comunidades autónomas. Con todo, o seguimento da evolución do monte nos distintos ecosistemas, a planificación forestal e da industria galega, así como as novas demandas sociais, requiren unha maior intensidade de inventario e unha adaptación da metodoloxía utilizada.

Na análise do IV inventario forestal, realizado en 2009, detectáronse deficiencias e carencias que é preciso corrixir e melloras que é necesario introducir. Estas son, entre outras:

  • Resolución temporal non adaptada ao crecemento das especies principais. Actualmente, 10 anos ( IFN) ou 5 anos (especies de crecemento rápido).
  • Excesiva clasificación en masas mixtas polo deseño da parcela (radios variables).
  • Confusión de varias especies do xénero Eucalyptus (especialmente E. nitens e E. globulus). 
  • Algunhas especies non están ben estudadas.
  • Non se coñecen as idades.
  • Resolución espacial mínimo de provincia. Dificultade para facer  inferencias a escala menor do distrito forestal (1/19 da superficie de Galicia).
  • Imposibilidade de incluír información adicional na inferencia. Non permite a incorporación de información adicional xerada, a cal é moi custosa de obter e relevante.

O Consello Forestal de Galicia acordou no ano 2014 crear un grupo de traballo. Este grupo nacía para dar resposta á demanda da sociedade galega á fin de que se acordase o modelo de monte que se desexa para Galicia no futuro e dito modelo servise de guía na elaboración da revisión do Plan Forestal de Galicia. A metodoloxía empregada tivo como principal obxecto establecer as ditas directrices de revisión a través dun proceso participativo, cun enfoque integrado de monte e de forma consensuada por todos os axentes relacionados co monte. Os resultados do seu traballo foron difundidos ao ano seguinte, en decembro do ano 2015, sendo unha das súas directrices a creación dun Inventario forestal propio que “combinase a realización dos inventarios clásicos, baseados en parcelas circulares de radio variable, con voos LIDAR de frecuencia relativa, para actualizar progresivamente as medicións”.

No ano 2018 o Ditame da Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia sinalaba que era necesario crear un “Sistema de Información e Estatística Forestal de Galicia, como mecanismo que permita facer diagnoses adecuadas e ser unha ferramenta esencial para a toma de decisións de políticas públicas ou empresariais relacionadas co sector forestal.”

Por esta razón a Consellería do Medio Rural asinou un convenio de colaboración coas universidades de Santiago de Compostela e Vigo para o desenvolvemento do Inventario Forestal Continuo de Galicia. O obxecto deste convenio é regular así o marco común de colaboración entre estas institucións asinantes.

As actuacións comprendidas no convenio están dirixidas a realizar un traballo conxunto entre as institucións para coñecer a situación dos recursos forestais de Galicia e desenvolver plenamente a necesaria produción científica e académica en materia de inventarios forestais da nosa comunidade. 

Para iso, é necesario realizar un seguimento e avaliación do estado das masas arboradas e estimar a cantidade e calidade de ditos recursos para, deste xeito, crear un Sistema de apoio ás decisións en materia de política forestal coa posta en marcha dun sistema de monitoraxe forestal continuo para Galicia.

Este sistema debe presentar as seguintes características: 

  • Permanente. A metodoloxía a desenvolver terá en conta os aspectos económicos que puidesen comprometer o mantemento futuro do sistema por parte da Consellería con independencia do presente convenio. O sistema a deseñar deberá, no posible, estar baseado en información dispoñible de forma continua, e/ou que sexa o suficientemente flexible para adaptarse a eventuais cambios de dispoñibilidade da información necesaria.
  • Rigor metodolóxico. As estimacións a desenvolver polo sistema con base nos resultados do presente convenio deberán ser obxectivas, cribles e cun nivel de incertidume coñecido, facéndoo transparente e verificable, tanto nos métodos como nas estimacións puntuais e aceptada pola comunidade científica especializada.

O convenio subscrito ten unha duración de tres anos e está dividido en dúas fases. Na primeira fase abordaranse os aspectos metodolóxicos que permitirán o deseño do sistema de monitoraxe forestal. A duración prevista desta primeira fase é de dous anos. A segunda fase centrarase en aspectos operativos que permitan a posta en marcha do sistema de monitoraxe forestal.

Este Inventario Forestal Continuo de Galicia permitirá ás administracións forestais coñecer a dispoñibilidade real das masas forestais galega, tanto dende un punto de vista tecnolóxico como económico. 

Por tanto, a finalidade deste convenio é a de contribuír ao desenvolvemento forestal de Galicia, que só se pode entender coa participación compartida de todas as partes onde, a través dun proceso sinérxico, cada unha delas consiga os obxectivos individuais e colectivos que dunha forma illada non poderían acadar.