Certificación forestal

Compartir

Proceso voluntario mediante o que unha terceira parte independente da xestión forestal certifica, a través de auditorías, o cumprimento das normas de xestión forestal sustentable. Dá lugar a unha declaración escrita (un certificado) que acredita a orixe da madeira sen elaborar e a súa situación e características.

É un instrumento de mercado que lles garante dun xeito demostrable aos consumidores que ese recurso forestal provén de montes xestionados dunha forma sustentable.

O obxectivo da certificación é que quen a adopta poida contrastar as súas prácticas de ordenación forestal coas normas estipuladas e demostrar o seu cumprimento. A certificación da xestión forestal sustentable pode servir tamén para validar a afirmación dun produtor de que aplica prácticas respectuosas co medio ambiente ou para proporcionar datos contrastados dun xeito obxectivo sobre os produtos madeireiros e o bosque do que proceden.

Independentemente do sistema, a certificación forestal baséase na auditoría da implantación da xestión forestal sustentable (XFS), termo definido por primeira vez na Conferencia Ministerial para a Protección dos Bosques en Europa que tivo lugar en Helsinki no ano 1993:

“A administración e o uso dos bosques e terreos forestais, dun xeito e cunha intensidade tales que manteñan a súa biodiversidade, produtividade, capacidade de rexeneración e vitalidade e a súa capacidade para atender, agora e no futuro, as funcións ecolóxicas, económicas e sociais relevantes, a escala local, nacional e global, sen ocasionar prexuízos a outros ecosistemas”.

Un dos elementos fundamentais na implantación da XFS radica nos instrumentos de ordenación ou xestión dos montes, onde se recollen as directrices que deben ter en conta a multifuncionalidade na súa triple vertente: ambiental, económica e social.

A certificación forestal é un proceso voluntario, porén a implantación de sistemas que certifiquen a XFS proporciona unha serie de vantaxes e beneficios:

  • Promove a conservación e a mellora das masas forestais.
  • Mellora a competitividade a aporta un valor engadido aos produtos ao dotalos de garantías medioambientais.
  • Coa agrupación, facilita a ordenación e abarata os custos de implantación da xestión forestal sustentable.
  • Establece niveis de calidade e seguridade dos produtos e servizos certificados.
  • Os montes, ademais de producir madeira, producen pasto, resina, cortiza, castaña, biocombustible. Todos estes produtos xeran beneficios para as persoas, emprego e benestar social.
  • O coidado da contorna permite o desenvolvemento das poboacións rurais, así como novas formas de lecer relacionadas coa naturaleza.

Os dous principais sistemas de certificación son PEFC (Programme for the Endorsement of Forest Certification schemes ou Programa para o recoñecemento da Certificación Forestal) e FSC (Forest Stewardship Council ou Consello de Administración Forestal).

 

Obxectivos da Certificación Forestal PEFC:

  • Promover a Xestión Forestal Sustentable das masas forestais, por ser unha xestión axeitada para o medio ambiente, socialmente beneficiosa e economicamente viable.
  • Fortalecer e mellorar a imaxe positiva do bosque e da madeira como materia prima renovable.
  • Garantir aos consumidores a procedencia dos produtos de masas forestais xestionadas dun xeito sustentable.

En cada país, o órgano de goberno de PEFC -aberto á participación de todos os interesados na xestión forestal sustentable e equilibrado na súa constitución-, desenvolve nun foro público normas forestais e establece e define o sistema de certificación dos bosques e os seus produtos, que se someten ao Consello PEFC para a súa aprobación.

Ir á web PEFC

 

Obxectivos da Certificación Forestal FSC:

  • A xestión forestal ambientalmente responsable asegura que o aproveitamento de produtos forestais madeirables e non madeirables contribúe a manter a biodiversidade, a produtividade e os procesos ecolóxicos do monte.
  • A xestión forestal socialmente beneficiosa axuda a que as poboacións locais, así como a sociedade no seu conxunto, gocen dos beneficios do monte a longo prazo e proporciona, ademais, incentivos para que as comunidades conserven os recursos forestais e se involucren nos plans de xestión.
  • A xestión forestal economicamente viable implica que as operacións forestais se estruturen e se administren de xeito que sexan suficientemente rendibles, sen que os beneficios económicos se xeneren a expensas do recurso forestal, do ecosistema ou das comunidades afectadas. Os conflitos entre ganancias financeiras e principios de responsabilidade ambiental e social nas operacións forestais pódense reducir mediante a promoción de produtos de mellor calidade e con maior valor engadido.

Este proceso remata cunha declaración escrita ou certificado FSC, que finalmente garante ao consumidor que os produtos forestais certificados proceden de montes aproveitados de xeito racional, de acordo a uns estándares internacionais que contemplan aspectos ambientais, sociais e económicos e que definen os niveis mínimos de boa xestión para os bosques de todo o mundo.

Ir á web FSC

 

Acceso á información pública na xestión forestal sustentable da xestión forestal implantada pola Consellería do Medio Rural a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal:

Os documentos de disposición pública do sistema de grupo coordinado pola Xunta de Galicia, na súa condición de Entidade de Grupo (ou Entidade Solicitante de Grupo), asumindo as funcións que lle foron asignadas e actuando como responsable do funcionamento do mencionado Grupo e da execución de todas as tarefas relacionadas coa certificación da xestión forestal son os seguintes:

Así mesmo, existe un correo electrónico dirixido ao fomento da participación cidadá a través do cal o cidadán pode comunicarse con esta Administración Forestal e solicitar información relacionada coa xestión forestal sustentable da Xunta de Galicia pode dirixirse á Entidade de Grupo (ou Entidade Solicitante) mediante notificación a certificación.forestal.cmrm@xunta.es