Sanidade Forestal

Compartir

A Rede Galega de Seguimento de Danos, integrada na rede estatal e europea, ofrece unha análise detallada do estado sanitario das masas forestais de 257 parcelas distribuídas por todo o territorio que dispoñen dunha notable representación de especies para determinar a detección, evolución, estado de enfermidades e pragas, dun xeito localizado e periódico no tempo, con criterios técnicos que permiten testar e controlar os exemplares mostreados.

Os plans de continxencia de sanidade vexetal atenden, ademais, ás posibles pragas que lle afectan, con carácter puntual, a determinadas especies ou zonas co obxectivo de mitigar as súas consecuencias.

Entre estes plans destacan, pola súa importancia, os tratamentos que leva a cabo a consellería para combater dúas afeccións graves dos castiñeiros de Galicia: a avespa Dryocosmus kuriphilus e a enfermidade do cancro (Cryphonectria parasitica).

No que respecta á avespa do castiñeiro, en 2015 comezou un programa experimental de loita biolóxica por medio de soltas, en milleiros de puntos de toda Galicia, de Torymus sinensis,  un inimigo natural e específico da avespa do castiñeiro que pon os seus ovos no interior das bugallas.

En relación ao cancro, en 2003 a Xunta de Galicia, en colaboración coa Deputación de Pontevedra a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, desenvolveu traballos de investigación de loita biolóxica baseados na busca de fungos menos virulentos (cepas hipovirulentas) que puidesen rebaixar a virulencia das cepas atacantes (hipervirulentas). A continuación desenvolveuse un programa de control biolóxico mediante a elaboración en laboratorio dos inóculos hipovirulentos das cepas detectadas en Galicia e a súa posterior aplicación no campo. No ano 2011 comezáronse a facer inoculacións, sendo os resultados obtidos moi satisfactorios. O número total de castiñeiros tratados en toda Galicia supera xa os 100.000 exemplares”.

Ademais, na Estación Fitopatolóxica de Areeiro desenvólvense métodos de loita contra pragas e enfermidades de especies e masas forestais con tecnoloxías avanzadas e persoal cualificado, co fin de poder estudar novos procedementos de determinación e de tratamentos eficientes, grazas a un convenio asinado coa Consellería do Medio Rural. Realízase, entre outros, un programa de control biolóxico do chancro de castiñeiro (Chyphonectria parasitica) mediante a aplicación de cepas hipovirulentas detectadas en Galicia e está en proceso de elaboración un programa de loita biolóxica contra as principais pragas de insectos que atacan o froito do castiñeiro, mediante a identificación de especies de nematodos entomopatóxenos (NEPs), coa obtención de cepas adaptadas ás condicións galegas e coa realización de ensaios no campo e no laboratorio para corroborar a súa eficacia contra estas pragas.

No ámbito divulgativo especializado, organízanse as Xornadas de Arboricultura, nas que se analizan factores ambientais, se expoñen investigacións relacionadas coa sanidade forestal e se procede á identificación e diagnóstico de fungos xilófagos que lle afectan ás diversas especies arbóreas, entre outros.

Plan de continxencia Fusarium circinatum

Asemade, a Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, xunto coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), veñen de desenvolver a Rede de avisos fitosanitarios en materia de sanidade forestal, situada na Oficina Virtual do Medio Rural.

Nesta rede os usuarios poden atopar información de carácter xeral, como os plans de actuacións contra enfermidades e pragas forestais, recomendacións de actuacións de loita integrada, artigos científicos de interese, resumos finais de cada unha das campañas de tratamentos, informes anuais da rede galega de detección e seguimento das pragas, enfermidades e calquera outra información que resulte de interese en temas de saúde e vitalidade do monte. Doutra banda, na Rede pódese facer a subscrición a un boletín de avisos de sanidade forestal. Deste xeito, os usuarios recibirán avisos electrónicos coas novidades que se produzan en materia de sanidade forestal.

Acceda á Rede de avisos de sanidade forestal

 

Tratamentos contra as pragas e enfermidades dos castiñeiros

Información xeral sobre pragas e enfermidades

Díptico Cryphonectria parasítica - "A loita biolóxica contra o cancro do castiñeiro"

Díptico Dryocosmus kuriphilus - "A loita biolóxica contra a avespa do castiñeiro"

Presentación dos traballos realizados contra pragas e enfermidades dos castiñeiros durante 2019

Plan de actuacións de loita contra as pragas e enfermidades do castiñeiro no 2020

Actuacións contra a avespa do castiñeiro

Distribución dos puntos de solta de Torymus sinensis en Galicia (ano 2018)

Distribución dos puntos de solta de Torymus sinensis en Galicia (ano 2019)

Total de individuos de Torymus sinensis soltados en 2019, por parroquias

Actuacións contra o cancro do castiñeiro
Solicitude tratamento experimental cancro 2020