Sistema de Información Forestal Galicia (SIFOR)

Compartir

Tal e como se indica no capítulo II do Decreto 14/2017 polo que se aproba o Regulamento de Ordenación da Información Xeográfica e da Actividade Cartográfica de Galicia, o “Plan Galego de Cartografía e Información Xeográfica (PGCIX) é o instrumento básico da planificación da produción da cartografía da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais do sector público autonómico, así como do uso e difusión da información xeográfica necesaria para a xestión do territorio de Galicia, e ten como finalidade garantir a coherencia e interoperabilidade dos datos espaciais, favorecer a eficiencia no gasto público e asegurar a calidade da produción cartográfica e a súa utilidade como servizo público”. Neste contexto a Administración forestal será o órgano responsable competente na Cartografía Dixital Xeorreferenciada (CDX) de temática forestal.

O PGCIX sinala a importancia de contar na Información Xeográfica de Referencia (IXR) de Redes de Transporte (RT) cunha descrición xeográfica actualizada da rede de camiños e pistas forestais, e convida a realizar a recompilación e actualización dos devanditos datos o antes posible.

Asemade sinala a creación do Sistema de Información Forestal Galicia (SIFOR). A información xeográfica do monte galego estará xestionada mediante o Sistema de Información Forestal (SIFOR), que almacena un contido mínimo de datos composto polas seguintes capas:

  • Inventario continuo de recursos forestais e mapa forestal: superficie forestal, superficie das principais formacións específicas, densidade e existencias, dispoñibilidade do recurso forestal (FAWS), etc.
  • Propiedade de terras de uso forestal: rexistro de montes públicos, rexistro de montes veciñais en man común, rexistro de montes de varas, rexistro de parcelas de silvicultores activos.
  • Réxime de xestión dos terreos forestais: rexistro de montes de protectores, rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas, rexistro de montes de xestión pública, rexistro de terreos en xestión conxunta por agrupacións forestais con e sen ánimo de lucro.
  • Rexistro de montes ordenados: montes con instrumentos de ordenación ou xestión forestal, incluíndo as parcelas adheridas a modelos silvícolas e códigos de boas prácticas forestais.
  • Rexistro público de terreos forestais de pastoreo.
  • Rexistro de terreos forestais acoutados para o aproveitamento micolóxico.
  • Rexistro de terreos forestais dedicados a mellora e produción de material forestal de reprodución (ensaios de procedencia, ensaios de proxenie, mouteiras, hortos de semente, familias de proxenitores, campos de plantas nai).
  • Saúde e vitalidade dos terreos forestais: Rede de danos das masas forestais en Galicia, rede de danos de detección e superficies obxecto de aplicación de loita integrada paras as principais pragas e doenzas forestais.
  • Superficies obxecto de actividade forestal: forestación/reforestación, silvicultura, aproveitamentos dos recursos forestais (sexa madeira, biomasa, resina, cortiza) e calquera outra actividade forestal etc.

Para conseguir un perfecto funcionamento deste sistema e que ofreza a resposta adecuada aos requirimentos nesta temática, estanse a abordar as seguintes liñas de traballo:

  • Actualizar e mellorar a delimitación dos límites dos montes, especialmente dos montes veciñais en man común (revisión de esbozos, deslindamentos parciais, sentenzas xudiciais, actos de disposición -permutas, expropiacións-).
  • Actualizar e mellorar a delimitación dos montes en xestión pública.
  • Elaborar novas capas cartográficas actualmente non dispoñibles:
    • Montes protectores.
    • Masas consolidadas de frondosas autóctonas.
    • Montes de varas.
    • Montes de agrupacións forestais de xestión conxunta.
    • Parcelas de silvicultores activos.
    • Parcelas obxecto de acoutado para aproveitamento micolóxico.
    • Superficies de regulación ou prohibición de aproveitamento de pastos en montes.
  • Crear unha cartografía en terreos forestais, a nivel de referencia catastral ou superior, que incorpore o nivel de actividade forestal (instrumentos de planificación, reforestacións, silvicultura, aproveitamentos).
  • Mellorar o visor cartográfico en materia forestal. Coa incorporación de novas capas e actualización daquelas obxecto de mellora e modificación.