Gandaría

Compartir

A Comunidade Autónoma de Galicia foi e segue a ser unha rexión cunha inequívoca vocación gandeira.

Historicamente conviviron en Galicia unha gandaría de subsistencia e de autoconsumo cunha gandaría máis dimensionada e profesionalizada; ambas formaron parte desde sempre da paisaxe do rural galego. 

A nivel nacional, Galicia representa un enorme potencial no sector gandeiro, estando situada nos primeiros postos no ránking de diversos subsectores, como o vacún de leite e tamén de carne, o sector porcino ou a avicultura. Outros subsectores de menor entidade como a cunicultura, apicultura ou peletería representan tamén un importante papel no desenvolvemento económico do rural de Galicia.

Unha economía cada vez máis globalizada e con mercados cada vez máis competitivos, a adecuación dos sistemas produtivos a regulacións relativamente recentes en materias diversas (seguridade e calidade alimentaria, benestar animal, aspectos medioambientais, etc), xunto coa paulatina diminución da poboación asentada no rural, levou inevitablemente a unha reconversión no sector gandeiro galego. Nas últimas décadas asistimos en consecuencia a unha tendencia de redución no número de explotacións gandeiras ao mesmo tempo que aumentaban os censos animais e volumes das producións gandeiras daquelas explotacións que continúan coa actividade.

Co esforzo de todos os sectores implicados, e especialmente das propias persoas gandeiras, Galicia conseguiu uns elevados estándares de produción nas nosas gandarias tanto no ámbito sanitario, como nos ámbitos da seguridade e calidade agroalimentarias ou o benestar animal, dando resposta ás esixencias legais e as demandas dos consumidores. Nesa liña é necesario continuar. 

Os sectores económicos non deben permanecer estáticos ante as circunstancias do entorno; polo tanto o sector gandeiro galego debe continuar sendo unha referencia a nivel nacional e internacional, tanto desde o punto de vista cuantitativo como desde o punto de vista da calidade dos produtos de consumo obtidos das nosas explotacións gandeiras, de recoñecido prestixio a todos os niveis.

A actividade gandeira debe seguir sendo fundamental como factor de dinamización do rural galego, que contribúa ao mantemento da poboación neste medio. É por tanto necesario continuar apostando por unha gandaría competitiva e de calidade, tanto na súa vertente máis industrial ou profesional como no ámbito das pequeñas producións gandeiras vinculadas aos ciclos de comercialización de proximidade.