Axudas á apicultura

Compartir

A Consellería do Medio Rural incentiva a mellora das condicións de produción e comercialización dos produtos da apicultura, incidindo sobre aspectos estruturais, sanitarios, de manexo e sobre a competitividade do sector, co fin de facer da apicultura unha actividade máis profesional, rendible, organizada e en equilibrio co medio ambiente.

Con este obxectivo estanse a desenvolver unha serie de programas sanitarios, de repoboación da cabana apícola, de racionalización da transhumancia e de asistencia técnica a apicultores e as súas organizacións.
Son prioritarios os programas sanitarios de loita contra as agresións e enfermidades da colmea, como son os tratamentos contra a varroase, incluíndo aqueles tratamentos compatibles coa apicultura ecolóxica. Dentro deste programa tamén se prevé o uso de produtos para a alimentación das abellas e a renovación e purificación de ceras.

No relativo á asistencia técnica, se subvenciona a contratación de técnicos e especialistas para formar e asistir a apicultores e as súas agrupacións en aspectos como a sanidade apícola, a loita contra agresores da colmea, cría, selección e, en xeral, todo o relativo á produción e xestión apícola. Inclúese a  organización, celebración e asistencia a cursos de formación e o emprego de medios de divulgación técnica.

As medidas de apoio á repoboación da cabana apícola facilitan  as inversións para a cría de raíñas e a adquisición de razas ou subespecies autóctonas para a reposición de baixas.

Por último, coas axudas á racionalización da transhumancia se presta especial atención á mellora e acondicionamento de asentamentos, camiños, sendas e á incorporación de marxes florais e barbeitos melíferos que inclúan especies beneficiosas para a actividade das abellas. Doutra banda, tamén se subvencionan os sistemas de protección ou vixilancia antirroubo e de xeolocalización das colmeas.