Benestar animal

Compartir

Un dos principios nos que se basea a política da UE é que non se deben causar aos animais danos ou sufrimentos innecesarios. Isto desenvólvese nunha serie de normas sobre o benestar dos animais que establecen as condicións nas que se poden criar e nas que se poden transportar e sacrificar estes animais.

Normativa sobre benestar dos animais na granxa

Explotacións gandeiras en xeral

A normativa xeral básica en materia de benestar dos animais nas granxas é o Real decreto 348/2000 do 10 de marzo (modificado polo Real Decreto 441/2001 do 27 de abril).

Este Real Decreto é a transposición ao ordenamento xurídico español da Directiva 98/58/CE, que inclúe os principios de provisión de estabulación, comida, auga e coidados axeitados ás necesidades fisiolóxicas e etolóxicas dos animais, de acordo coa experiencia adquirida e os coñecementos científicos. Tamén inclúe os requisitos que deben cumprir os seus coidadores.

Establece, entre outras cousas, a obriga dun libro de rexistro na explotación no que se anoten todos os tratamentos médicos realizados, así como o número de animais mortos descubertos nas inspeccións que se deben facer regularmente. O devandito rexistro debe ser conservado durante tres anos como mínimo.

Esta norma non se aplica aos animais que viven no medio natural, aos destinados a participar en competicións, exposicións ou actos ou actividades culturais ou deportivas, aos animais destinados a experimentación e aos animais invertebrados.

A Decisión 2006/778/CE da Comisión harmoniza o formato, o contido e a periodicidade dos informes que se deben remitir á Comisión Europea de acordo coa Directiva 98/58/CE.

Ademais desta lexislación xeral, existen outras normas que establecen as características específicas das condicións de cría dalgunhas especies gandeiras, como son as que afectan ao vacún (tenreiros menores de 6 meses), ao porcino, ás galiñas poñedoras e aos polos de carne.

En certas especies gandeiras que non contan con normativa específica propia de benestar animal, a normativa de ordenación sectorial establece algúns requisitos en materia de protección animal. Tal é o caso do Real decreto 804/2011, do 10 de xuño, polo que se regula a ordenación zootécnica, sanitaria e de benestar animal das explotacións equinas e se establece o plan sanitario equino (BOE, nº 157, de 2 de xullo), ou o Real decreto 1221/2009, do 17 de xullo, polo que se establecen normas básicas de ordenación das explotacións de gando porcino extensivo e polo que se modifica o Real decreto 1547/2004, do 25 de xuño, polo que se establecen as normas de ordenación das explotacións cunícolas (BOE nº 187, de 4 de agosto)

Vacún (tenreiros)

O Real Decreto 1047/1994 do 20 de maio (BOE do 7 de xullo), (modificado polo Real decreto 229/1998 e polo Real decreto 692/2010), establece as normas mínimas específicas para a protección dos puchos nas explotacións gandeiras. Esta norma establece os espazos mínimos nas explotacións de puchos, as condicións de cría dos mesmos e os controis a realizar polos organismos competentes das Comunidades Autónomas. Así mesmo, establece que para ser importados no territorio estatal, os animais procedentes dun país terceiro deberanse acompañar dun certificado expedido pola autoridade competente dese país que certifique que os mesmos se beneficiaron dun trato, cando menos, equivalente ao concedido aos animais de orixe comunitaria.

Porcino

O 1 de xaneiro de 2003 entrou en vigor o Real decreto 1135/2002, do 31 de outubro (BOE 20 de novembro) -premer aquí-, relativo ás normas mínimas para a protección dos porcos. Esta normativa, que derroga o Real decreto 1048/1994, do 20 de maio, incorpora ao ordenamento xurídico español as Directivas 2001/88/CE e 2001/93/CE, que modifican a Directiva 91/630/CE. Desta normativa pódense salientar varios puntos. Dende o punto de vista do manexo de animais, establécense, entre outras cuestións, a idade de destete, as condicións para levar a cabo mutilacións, ou as condicións sobre o tipo de chans utilizables; ademais, os animais deben ter acceso permanente a materiais para a súa manipulación. Tamén se establece un nivel máximo de ruído e mínimo de luz. Por outra banda, é obrigatorio que o persoal encargado do coidado dos animais reciba formación específica sobre benestar animal.

Prevención da caudofaxia e o raboteo

O Real Decreto 1135/2002, do 31 de outubro, relativo ás normas mínimas para a protección de porcos, recolle no punto 8 do Capítulo 1. Condicións Xerais do seu Anexo, que “o raboteo e a redución das puntas dos dentes non deberán executarse por rutina senón unicamente cando existan probas de que se produciron lesións dos tetos das porcas ou as orellas ou rabos doutros porcos. Antes da súa execución, adoptaranse medidas para previr a caudofaxia e outros vicios tendo en conta as condicións ambientais e a carga gandeira. Por esta razón, as condicións ambientais ou os sistemas de xestión deberán modificarse se resultan inadecuados.

Posteriormente, dende a Unión Europea publicouse a "Recomendación relativa aos porcos adoptada polo Comité Permanente o 2 de decembro de 2004" que recolle tamén estes aspectos no seu artigo 24.

No ano 2016 publicouse a Recomendación (EU) 2016/336 da Comisión, do 8 de marzo do 2016, respecto da aplicación da Directiva 2008/120/CE do Consello relativa ás normas mínimas para a protección de porcos no que se refire a medidas para diminuír a necesidade de practicar o raboteo. Nesta infórmase da necesidade de eliminar a práctica do raboteo nas explotacións de porcino, non soamente porque se trate dunha mutilación, senón porque a caudofaxia é un signo da existencia de problemas de xestión na explotación.

Para dar resposta a esta recomendación, en abril de 2017, o Ministerio de Agricultura e Pesca, xunto coas comunidades autónomas e a Asociación Nacional de Produtores de Gando Porcino (ANPROGAPOR) adoptaron un Documento sobre a xestión das explotacións porcinas para evitar a caudofaxia.

Máis recentemente, a Unión Europea solicitou dos estados membros os plans de actuación dos mesmos para previr as mordeduras dos rabos e evitar o corte rutineiro de rabos nos porcos, incrementando a presión sobre esta práctica de cara á súa progresiva e inminente eliminación.

En España, constituíuse a Mesa para a prevención do raboteo sistemático dos porcos, coa participación do Ministerio de Agricultura e Pesca, de todas as Comunidades Autónomas, da Asociación Nacional de Productores de Ganado Porcino (ANPROGAPOR) e da comunidade científica.

Dentro das medidas de coordinación da mesa, co obxectivo de garantir que os gandeiros dispoñen das ferramentas necesarias para evitar o raboteo sistemático, elaboráronse unha serie de documentos que permitan abordar de forma individualizada a problemática de cada explotación:

  1. Ficha descritiva da explotación. Permite contextualizar as circunstancias de cada explotación (coa axuda do seu veterinario de explotación)
  2. Instrucións de cumprimentado da Ficha descritiva da explotación.
  3. Ficha de avaliación dos factores de risco da caudofaxia. Permite a autoavaliación do titular da explotación (coa axuda do seu veterinario de explotación).
  4. Instrucións de cumprimentado da Ficha de avaliación dos factores de risco da caudofaxia.
  5. Plan de acción da explotación. No caso de rabotear, os gandeiros deben dispor dun plan de acción que acredite que adopta as medidas necesarias para evitar a caudofaxia na súa explotación.
  6. Seguimento do Plan de acción da explotación.
  7. Árbore de decisións a tomar polo gandeiro para a toma de medidas na prevención do raboteo sistemático

Durante o mes de abril de 2019 realizouse un mailing dende a Consellería para poñer esta documentación a disposición dos gandeiros galegos de porcino que, polo seu sistema produtivo, se poderían ver máis afectados polo feito de que os estados membros implanten, de forma inmediata, todos os mecanismos necesarios para evitar o uso indiscriminado desta práctica.

Así mesmo, dentro das medidas de comunicación do Plan, enviouse toda a información dende a consellería, vía mail, ás asociacións de defensa sanitaria gandeira, asociacións de veterinarios de porcino, empresas integradoras e entidades de aconsellamento do sector porcino, solicitando a súa colaboración na difusión da documentación.

Tamén, entre as medidas de comunicación adoptadas pola mesa, que teñen por obxecto sensibilizar aos gandeiros para a adopción das medidas necesarias para evitar o raboteo sistemático nas súas explotacións, elaborouse para a súa difusión un Póster temático, que se difundiu entre os servizos provinciais de Gandería e ás Oficinas Agrarias Comarcais para a súa posta a disposición dos gandeiros.

Ponse tamén a disposición dos interesados o material divulgativo elaborado pola Comisión Europea de Recomendacións para evitar o raboteo, así como vídeos documentais de explotacións onde non se realiza o raboteo.

Con motivo da Misión DG (SANTE)/2019-6752 celebrada en España durante os días 30 e 31 de xaneiro de 2019, dende a mesa trasladóuselle aos expertos da Comisión Europea unha batería de preguntas sobre a prevención do raboteo rutineiro. Nos seguintes documentos figuran as preguntas e respostas e un anexo no que se desenvolven máis detalles así como as referencias científicas nas que se basean as respostas:

Aves

Galiñas poñedoras. O Real Decreto 3/2002 do 11 de xaneiro, polo que se establecen as normas mínimas de protección das galiñas poñedoras (BOE do 15 de xaneiro de 2002) é a transposición da Directiva 1999/74/CE. Esta norma modificou de xeito progresivo e significativa, as condicións de cría destes animais. Prohibiu as novas instalacións de gaiolas non acondicionadas a partir do 1 de xaneiro de 2003, estableceu condicións máis exixentes para os sistemas alternativos de cría dende o 1 de xaneiro de 2002 nas explotacións de nova creación. Ademais, dende o 1 de xaneiro de 2007 é obrigatorio que todas as explotacións de cría mediante sistemas alternativos se adapten ao citado Real decreto. Para rematar, a partir do 1 de xaneiro de 2012 prohibiuse o uso de gaiolas non acondicionadas.

Aves de carne (broiler). O Real decreto 692/2010, do 20 de maio, establece as normas mínimas para a protección dos polos destinados á produción de carne e modifica o Real decreto 1047/1994, do 20 de maio, relativo ás normas mínimas para a protección dos tenreiros (BOE do 3 xuño de 2010). Incorpora ao dereito español a Directiva 2007/43/CE, do Consello, do 28 de xuño de 2007. Neste texto establécese entre outros requisitos unha densidade máxima de poboación, nunha explotación ou nun galiñeiro dunha explotación, de 33 quilogramos de peso vivo por metro cadrado de zona utilizable, densidade que pode chegar aos 39-42 quilogramos cando se cumpran os criterios que establece o Real decreto.

Por outro lado, a Directiva 2007/43/CE, pola que se establecen as disposicións mínimas para a protección dos polos destinados á produción de carne, trasposta ao ordenamento xurídico español polo Real Decreto 692/2010, do 20 de maio, contempla no seu Anexo III o control e seguimento das condicións de benestar en explotación, realizado nos matadoiros aos que se destinen estas aves. O citado anexo establece a comunicación dos resultados dos controis tanto ao criador, como á autoridade competente en protección animal nas explotacións gandeiras.

Para dar cumprimento a esta esixencia, actualmente desenvólvese un procedemento de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Sanidade, a realizar nos matadoiros receptores destas aves, para a detección post-mortem de insuficiente benestar animal en explotacións de polos de engorde.

No Real decreto 1084/2005, do 16 de setembro, modificado polo RD 692/2010, de ordenación da avicultura de carne regúlanse algúns aspectos de benestar animal.

As condicións para a produción doutras aves, veñen fixadas polas recomendacións do Consello de Europa adoptadas polo Comité Permanente o 22 de Xuño de 1999.

En canto ao benestar dos patos e gansos criados para a produción de foie-gras, pódese consultar a recomendación relativa aos patos criollos ou de berbería (cairina moschata) e os híbridos de patos criollos e de patos domésticos (anas platyrhynchos) adoptada polo Comité Permanente o 22 de xuño de 1999.

Animais de peletería

As normas que regulan o benestar dos animais criados para peletería son as xerais descritas no Real decreto 348/2000, do 10 de marzo, relativo á protección dos animais nas explotacións gandeiras.

O Regulamento (CE) 1099/2009, do 24 de novembro, de protección dos animais no momento da matanza, establece requisitos específicos para os sacrificios dos animais de peletería.

Existe tamén unha recomendación relativa aos animais para peletería, adoptada polo Comité Permanente o 22 de xuño de 1999.

Protección dos animais durante o transporte

A normativa básica nesta materia é o Regulamento (CE) nº 1/2005, do Consello, do 22 de decembro de 2004, relativo á protección dos animais durante o transporte e as operacións conexas e polo que se modifican as Directivas 64/432/CEE e 93/119/CE e o Regulamento (CE) nº 1255/97 do 22 de decembro).

Esta norma é complementada polo Real decreto 542/2016, do 25 de novembro, sobre normas de sanidade e protección animal durante o transporte. Este Real decreto derroga ao RD 751/2006, desenvolve o artigo 47 da Lei 8/2003, de Sanidade Animal, e o relativo ao rexistro de transportistas e medios de transporte previsto no Regulamento (CE) nº 1/2005.

Algúns puntos a destacar desta normativa en relación o benestar animal son:

  • Defínense as obrigas do transportista (incluíndo a responsabilidade de que os animais incluídos no transporte sexan aptos para realizalo), regúlanse as autorizacións de transportistas e dos contedores e medios de transporte.
  • Se especifica a documentación obrigatoria que debe acompañar o movemento de animais (incluíndo o certificado de competencia en benestar animal no transporte).
  • Recóllese a formación en benestar animal necesaria para o transporte.

Existen guías elaboradas pola Dirección Xeral de Saúde e Seguridade Alimentaria da Comisión Europea, cuxo principal propósito é desenvolver e divulgar boas prácticas para o transporte de gando, e que se poden consultar no seguinte enlace:

http://animaltransportguides.eu/es/materiales/

A Decisión 2001/298/CE modifica os modelos de certificado que deben acompañar aos animais para asegurar que no momento da inspección se atopaban en condicións de facer a viaxe.

As paradas obrigatorias que deben realizar os transportes de animais cando superen unha determinada cantidade de horas (fixada no Regulamento (CE) nº 1/2005, para cada especie) débense realizar nos lugares autorizados ao efecto pola autoridade competente, xa non se denominan puntos de parada senón postos de control. As características destes postos de control veñen fixadas no Regulamento (CE) nº 1255/97 do Consello do 25 de xuño de 1997 sobre criterios comunitarios que deben cumprir os puntos de parada e polo que se adapta o plan de viaxe mencionado no Anexo da Directiva 91/628/CEE, (modificado polo Regulamento (CE) nº 1040/2003 do Consello do 11 de xuño de 2003 e polo Regulamento (CE) nº 1/2005).

O listado de puntos de parada autorizados na Unión Europea actualízase periodicamente e pódese consultar na seguinte ligazón:

https://ec.europa.eu/food/sites/food/files/animals/docs/aw_list_of_approved_control_posts.pdf

Para obter información adicional sobre as condicións de viaxe dos animais por vía aérea, pódese consultar as normas da Asociación de Transporte Aéreo Internacional (IATA) relativas aos animais vivos (en inglés).

https://www.iata.org/en/programs/cargo/live-animals/

O pago das restitucións á exportación de animais vivos no sector vacún está ligado ao cumprimento da normativa sobre benestar animal durante o transporte. Este aspecto vén organizado polo Regulamento(UE) nº 817/2010 da Comisión, do 16 de setembro.
 

Protección dos animais no momento do sacrificio

A normativa vixente en materia de protección dos animais durante o seu sacrificio ten por obxecto adoptar normas mínimas para garantir que se evite calquera dor ou sufrimento innecesario, e asegurar ao tempo o desenvolvemento racional da produción e a realización do mercado interior de animais e produtos animais, evitando posibles distorsións á competencia.

O Regulamento (CE) 1099/2009, de 24 de setembro, de protección dos animais no momento da matanza, regula os requisitos xerais da matanza e as operación conexas a esta, os requisitos adicionais aplicables aos matadoiros e as condicións de baleiro sanitario e matanza de emerxencia.

Esta norma non é aplicable aos experimentos científicos (que teñen a súa propia normativa), aos animais aos que se dea morte en manifestacións culturais e deportivas, á caza e pesca recreativa e ás aves de curral, os coellos e as lebres sacrificados polo seu dono fóra dun matadoiro para o seu consumo doméstico privado.

Matanzas domiciliarias de porcino

A matanza domiciliaria do porco constitúe unha práctica tradicional no medio rural galego amplamente estendida na nosa xeografía.

Como xa se indicou anteriormente, o benestar dos animais é un valor consagrado a nivel da Unión Europea, característico das sociedades máis avanzadas, e a protección dos animais no momento do seu sacrificio ou matanza é unha cuestión de interese social que mesmo inflúe na actitude dos consumidores ante os produtos obtidos.

A matanza pode provocar dor, angustia, medo ou outras formas de sufrimento aos animais, mesmo realizándoa nas mellores condicións técnicas dispoñibles. Ao respecto, a normativa comunitaria e nacional na materia sinala expresamente que non se causará aos animais axitación, dor ou sufrimentos evitables durante as operacións de suxeición, atordamento e sacrificio ou matanza.

Polo tanto, o sacrificio dos porcos en matanzas domiciliarias debe efectuarse da forma mais rápida e indolora posible, e sempre con atordamento, sen infrinxir aos animais danos ou sometelos a calquera práctica que lles podan producir sufrimentos inxustificados. O sangrado dos animais debe comezar o antes posible despois do atordamento, e deberá efectuarse de maneira que se provoque o desangrado rápido, profuso e completo. En calquera caso, debe efectuarse o sangrado antes de que o animal recobre o coñecemento.

En todo caso, o atordamento debe realizarse mediante algún dos métodos permitidos pola normativa e que, cando se aplique a un animal, provoque de inmediato un estado de inconsciencia que se prolongue ata que se produza a morte do animal. O método máis utilizado nas matanzas domiciliarias de porcos é a pistola de clava perforadora.

O respecto ás condición de benestar animal no sacrificio, ten influencia na calidade das carnes obtidas. Realizar o sacrificio sen provocar a fatiga do animal consecutiva a un prolongado sufrimento asegura a obtención de carne con maior cantidade de hidratos de carbono, o que é un aspecto fundamental para a conservación e calidade dos produtos obtidos da matanza. Deste xeito, o manexo do gando de forma eficiente, experta e calmada, utilizando as técnicas e instalacións recomendadas e tomando medidas para evitar a dor e lesións accidentais, reducirá o estrés nos animais e evitará deficiencias na calidade das carnes e dos seus produtos elaborados.

As matanzas domiciliarias aínda que polo seu volume representen unha porcentaxe moi pequena en comparación co sacrificio industrial, non deixan de conformar unha importante actividade tradicional, chea de matices culturais propios do ámbito rural. Xa que actualmente existen poucas publicacións que aborden a materia cremos convinte profundar no tema dende a perspectiva da sanidade e o benestar animal.

Achégase un manual sobre as matanzas domiciliarias de porcino que recolle as normas e recomendacións legais, aspectos relativos ao manexo e ao comportamento dos porcinos así como os sistemas e equipos que se van utilizar durante o seu sacrificio na explotación. Pretende facilitar as operacións de sacrificio aos gandeiros e matachíns sen que esquezan a importancia de respectar e tratar dignamente aos animais no momento da súa morte.

www.ibader.gal/archivos/201601_MonografiaPecuaria_MTZ-40.pdf

Protección dos animais utilizados en experimentación animal

O Real Decreto 53/2013, do 1 de febreiro (BOE nº 34, do 8 de febreiro), polo que se establecen as normas básicas aplicables para a protección dos animais utilizados en experimentación e outros fins científicos, incluíndo a docencia, regula os aspectos de protección animal nestes animais, tanto en materia de aloxamento e manexo dos animais como en requisitos específicos dos procedementos levados a cabo nestes establecementos.

Esta normativa contempla a existencia de “órganos habilitados”, entidades públicas ou privadas que deben ser designadas pola autoridade competente e que lles habilita para algunhas funcións establecidas neste real decreto e, expresamente, para a preceptiva avaliación previa dos proxectos de experimentación solicitados polos centros usuarios. A designación destes órganos pola autoridade competente debe realizarse de acordo cun procedemento regulado establecido.

Tamén hai que atender á Orde ECC/566/2015, de 20 de marzo pola que se establecen os requisitos de capacitación que debe cumprir o persoal que manexe animais utilizados, criados ou subministrados con fins de experimentación e outros fins científicos, incluíndo a docencia, e que ten como finalidade garantir a protección e o benestar dos animais, posto que un factor esencial na protección do benestar dos animais utilizados nestes fins é a axeitada capacitación do persoal encargado do seu manexo.

Formación

En Galicia contamos co Decreto 60/2007, do 22 de marzo, polo que se regulan os cursos de formación en materia de benestar animal, se establece o procedemento de autorización das entidades de formación e se crea o rexistro destas (DOG nº 67, do 4 de abril) -premer aquí-, no que se establecen os contidos formativos que deben conter os cursos de formación en materia de protección animal naquelas parcelas onde a normativa esixa a acreditación da citada formación (porcinocultores, avicultores de carne e transportistas). Tamén se establecen os requisitos para a autorización das entidades de formación que impartan estes cursos.