Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia

Compartir

Ao Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, con nivel orgánico de servizo, correspóndelle a realización de análises e estudos de investigación en relación coa sanidade e hixiene dos animais, a seguridade alimentaria, as producións gandeiras e os medios de produción gandeiros.

O Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia está ubicado en Lugo e nel intégranse os Laboratorios de Sanidade Animal de Mabegondo na Coruña e Salcedo en Pontevedra, dun xeito coordinado, nun sistema funcional e de xestión da calidade único. 

O servizo ofrecido consiste na realización de todo tipo de ensaios e estudos de investigación en relación coas políticas de sanidade e produción animal da Xunta de Galicia e como apoio directo ao sector gandeiro galego.

O propósito dos laboratorios é satisfacer as necesidades dos usuarios, das autoridades competentes e cumprir os requisitos legais e regulamentarios, co fin de  asegurar a protección da sanidade animal, e contribuír á protección da saúde pública e ao desenvolvemento do sector agrogandeiro, nun contexto de mellora continua.

Un obxectivo fundamental do funcionamento dos laboratorios é proporcionar unha resposta analítica áxil que facilite os intercambios comerciais de animais e os seus produtos, tanto de forma rutineira, como ante novos requirimentos dos países de destino, e moi especialmente para dar confianza aos mercados e a opinión pública ante a aparición de alertas sanitarias relacionadas coa sanidade animal.

Nas instalacións dos laboratorio recíbense unhas 750.000 mostras anuais, de 45 tipos de mostra distintos e 20 especies diferentes, sendo un 75 % das mostras de soro e un 67 % da especie bovina.

Desas mostras obtéñense unhas 1.250.000 determinacións, duns 200 ensaios distintos. Por ensaios o máis numeroso é o ELISA de Paratuberculose cunhas 200.000 determinacións, seguido do Rosa de Bengala de Brucelosis, o ELISA de neospora e o ELISA de BVD-p80 cunhas 150.000 determinacións cada un.

O Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia ten implantado un sistema de xestión da calidade e está acreditado, desde xaneiro de 2005, pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC), conforme aos criterios da Norma UNE-EN ISO/IEC 17.025. Acreditación nº 449/LE917, que se estende aos tres laboratorios de Lugo, Mabegondo e Salcedo e conta coa acreditación dunha categoría de ensaios ELISA, por alcance flexible. O alcance da acreditación pode consultarse na páxina www.enac.es.

A acreditación é a ferramenta establecida a escala internacional para xerar confianza sobre a actuación, entre outros, dos laboratorios de ensaio. Representa o recoñecemento formal da competencia técnica dos laboratorios para emitir resultados fiables.
Os laboratorios contan cun importante equipo humano formado por unhas 90 persoas, cun alto grao de cualificación e especialización, que leva moito tempo adquirir.

Equipamento

Os laboratorios dispoñen de 600 m2, aproximadamente, de zonas con niveis de seguridade P2 e P3 que permiten traballar con axentes responsables de zoonoses (caso da tuberculose, da brucelose ou das encefalopatías transmisibles).

Nos últimos anos incorporáronse as técnicas máis modernas para o diagnóstico das enfermidades animais e para a seguridade alimentaria, como son os sistemas automatizados de identificación bacteriana e fúnxica mediante espectrometría de masas MALDI-TOF, os sistemas automatizados para a realización de antibiogramas ou as técnicas baseadas na reacción en cadea da polimerasa (PCR e ddPCR), así como técnicas de HPLC, LC-MS/MS e ICP.

Actividades

Son actividades principais dos laboratorios as seguintes:

  • Análise e diagnóstico de mostras para a avaliación sanitaria da gandaría galega.
  • Análise de mostras de mel, augas, pensos e materias primas relacionadas coa seguridade alimentaria.
  • Apoio técnico e científico para a elaboración, seguimento, adecuación e avaliación dos programas sanitarios da Administración e das asociacións de gandeiros de Galicia.
  • Apoio técnico e científico á Administración, aos gandeiros e aos veterinarios no estudo de brotes de enfermidades.
  • Estudos epidemiolóxicos das enfermidades animais en Galicia.

Os laboratorios participan directamente nunha grande cantidade de programas sanitarios en diferentes especies animais e de seguridade alimentaria, que se están a desenvolver en Galicia. Entre estes, pódense salientar: brucelose bovina e de pequenos ruminantes, tuberculose, encefalopatías transmisibles en ruminantes, peste porcina clásica e africana, enfermidade de Aujeszky en porcino, IBR, BVD, paratuberculose, neospora, enfermidade aleutiana do visón, enfermidades parasitarias, enfermidades de peixes (NHI, SHV), lingua azul, salmonela, controis en alimentación animal (compoñentes de orixe animal en pensos e materias primas), control da mamite, calidade e residuos en mel, calidade e metais pesados en pensos e materias primas para pensos, calidade en aguas para uso en gandería, etc.

As actividades están repartidas en 14 áreas diferentes, situadas nos tres  laboratorios, coas súas respectivas funcións:

  • Anatomía Patolóxica
    • Realización de necropsias de animais, fetos e vísceras.
    • Estudo anatomopatolóxico de mostras tisulares.
    • Realización de ensaios que requiran un laboratorio de seguridade.
  • Apicultura
    • Realización de todo tipo de ensaios de abellas, mel e outros produtos relacionados coa apicultura.
  • Bacterioloxía
    • Illamento e identificación de bacterias e fungos.
    • Realización dos antibiogramas dos microorganismos illados.
    • Reconto de células somáticas en leite.
  • Bioloxía Molecular
    • Realización de probas de biotecnoloxía molecular de ácidos nucleicos, en especial probas de PCR (Reacción en Cadea da Polimerasa) aplicadas fundamentalmente ao diagnóstico de enfermidades animais.
    • Realización de ensaios que requiran un laboratorio de seguridade.
  • Bromatoloxía
    • Análise de augas para uso e consumo animal.
    • Análise de alimentos para uso e consumo animal.
    • Análise de augas de vertidos.
    • Análises físico-químicos de todo tipo de produtos relacionados coas producións animais, incluídas aquelas destinadas ao consumo humano.
  • Campañas de Saneamento
    • Determinación de Brucelose, Leucose, Perineumonía e todo tipo de ensaios incluídos nos programas sanitarios oficiais.
  • Parasitoloxía
    • Identificación e/ou reconto de formas parasitarias en feces, sangue, órganos, raspados epidérmicos, lavados prepuciais, etc.
  • Probas rápidas EETs
    • Realización de todo tipo de probas para o diagnóstico das enfermidades esponxiformes transmisibles.
    • Realización de probas rápidas da enfermidade aleutina do visón.
    • Realización de ensaios que requiran un laboratorio de seguridade.
  • Seroloxía
    • Detección de antíxenos, anticorpos e todo tipo de parámetros sanguíneos en animais.
  • Viroloxía 
    • Identificación e illamento de virus.
    • Realización de todo tipo de ensaios que requiran un laboratorio dun nivel 3 de seguridade biolóxica.
  • Recepción de Mostras
    • Recepción, rexistro e distribución de mostras ás demais áreas do laboratorio.
    • Dispensación e preparación de mostras, incluído o inicio dalgún tipo de ensaio.
  • Mabegondo
    • Realización de todo tipo de ensaios no Laboratorio de Sanidade Animal de Mabegondo (A Coruña), especialmente aqueles incluídos nos programas sanitarios oficiais e das agrupacións de defensa sanitaria gandeira (ADSG).
  • Salcedo
    • Realización de todo tipo de ensaios no Laboratorio de Sanidade Animal de Salcedo (Pontevedra), especialmente aqueles incluídos nos programas sanitarios oficiais e das agrupacións de defensa sanitaria gandeira (ADSG).
  • Responsable de calidade
    • Asegurar que se implanta, se mantén e respecta en todo momento o sistema de xestión da calidade nos 3 laboratorios.
Destinatarios

Os destinatarios das actividades dos laboratorios son:

  • Administración autonómica
  • Agrupacións de defensa sanitaria
  • Cooperativas agrarias
  • Gandeiros particulares
  • Veterinarios clínicos
  • Empresas relacionadas co sector
  • Policía autonómica
  • SEPRONA

O persoal dos laboratorios tamén participa activamente en cursos de formación relacionados coa calidade e coa investigación epidemiolóxica, colabora cos centros de Formación Profesional na formación de auxiliares de laboratorio e coa Facultade de Veterinaria de Lugo na formación de novos veterinarios, e diferentes colaboracións entre as que destacan as realizadas coa Unidade de Anatomía Patolóxica e o Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos.

O Laboratorio mantén excelentes relacións de colaboración co Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite, os Laboratorios nacionais de referencia para as distintas enfermidades e ensaios e os laboratorios de Sanidade Animal e Agroalimentarios das distintas comunidades autónomas.