A sanidade animal é un piar básico na produción gandeira e na saúde pública.
É unha tarefa responsabilidade de todos os axentes que interveñen no sector gandeiro pero principalmente é unha responsabilidade das propias persoas titulares das explotacións.
Os Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural, nas Oficinas Agrarias Comarcais, Servizos Provinciais de Gandaría e Servizos Centrais, contan cun plantel de persoal especializado que participa na coordinación e seguimento da execución dos distintos programas sanitarios levados a cabo e están en permanente contacto cas persoas titulares das explotacións gandeiras, asesorando e incentivando a súa participación na mellora do estatus sanitario das súas explotacións.
Especialmente priorízase o fortalecemento e o incremento do tecido asociativo das Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG), favorecendo a integración de novas explotacións no ámbito territorial das comarcas e posibilitando ás cooperativas a constitución no seu seo destas agrupacións co fin de reforzar a execución dos programas sanitarios aproveitando a súa estrutura asociativa.
A Consellería do Medio Rural acomete os programas sanitarios oficiais de obrigado cumprimento así como outros programas zoosanitarios non obrigatorios normativamente, dirixidos á mellora do estado sanitario e produtivo das explotacións gandeiras co obxectivo de aumentar a súa rendibilidade. Ademais incentívase o cumprimento do resto das esixencias sectoriais vixentes en materia de identificación animal, benestar ou seguridade e calidade alimentaria entre outras
Os distintos programas e plans sanitarios substáncianse na realización de inspeccións en explotacións e animais, na tomas de mostras e na realización de probas diagnósticas co fin de garantir o estatus sanitario e acreditar as medidas de control do movemento pecuario entre outros aspectos.
O excelente nivel sanitario actual da cabana de Galicia, outorga ao sector gandeiro galego unha posición de vantaxe competitiva respecto doutras comunidades autónomas ou países á hora de comercializar os animais ou os seus produtos, conseguindo unha diferenciación dos sectores que lles permite a conquerir un maior valor das producións e un mellor acceso aos mercados.
Programas sanitarios oficiais
A Consellería do Medio Rural é o departamento responsable na coordinación e xestión en Galicia dos distintos programas sanitarios nacionais oficiais de erradicación, vixilancia ou control, segundo os casos.
- Programas que se están a desenvolver
-
- Programa nacional de erradicación da tuberculose bovina: Galicia conta en Pontevedra, desde xaneiro de 2019, coa primeira provincia peninsular do estado co estatus de provincia oficialmente indemne de tuberculose bovina (Decisión de execución (UE) 2019/65 da Comisión do 14 de xaneiro de 2019), estando as outras tres provincias galegas cumprindo co último ano de programa para conquerir ese mesmo estatus.
- Programa nacional de erradicación da brucelose bovina: Galicia é unha rexión declarada oficialmente indemne de brucelose bovina desde o ano 2017 (Decisión de execución (UE) 2017/1910 da Comisión do 17 de outubro de 2017). Tras acadar ese estatuto, lévase a a cabo un programa de vixilancia activa e pasiva que garante o mantemento anual deste estatuto e que inclúe a realización de mostraxes que son preceptivos.
- Programa nacional de erradicación da brucelose ovina e cabrúa: Galicia é unha rexión declarada oficialmente indemne desta enfermidade desde 2013 (Decisión de execución da Comisión do 10 de abril de 2013)..Desde ese momento, en Galicia mantense ese estatuto a través dun programa de vixilancia activa e pasiva que implica a realización de mostraxes mínimos que son obrigatorios.
- Programa nacional de vixilancia da leucose bovina enzoótica e da perineumonía contaxiosa bovina, enfermidades erradicadas en España desde os anos 1999 e 1994 respectivamente, pero das que continúa levándose a cabo un programa de vixilancia activa e pasiva.
- Programa nacional de vixilancia, control e erradicación das encefalopatías esponxiformes transmisíbles (EETs) nos ruminantes (bovinos, ovinos e cabrúns).
- Programa nacional de vixilancia e control da lingua azul. Galicia esta declarada zona libre de lingua azul desde o ano 2015. (Orde AAA 1424/2015).
- Programa nacional de vixilancia sanitaria porcina adaptado ao incremento de risco de incursión da Peste Porcina Africana na Unión Europea.
- Plan sanitario do gando porcino: fundamentalmente orientado aos controis sanitarios da Enfermidade de Aujeszky, enfermidade con gran importancia económica por restricións ao movemento de animais.
- Programa nacional de vixilancia da influenza aviaria
- Programas nacionais de control de determinados serotipos de salmonela nas explotacións avícolas de galiñas e pavos.
- Plan sanitario avícola
- Programa de loita contra as enfermidades apícolas, fundamentalmente dirixido ao control da varroa como patoloxía de maior interese e repercusión sanitaria e económica deste sector.
- Programa de prevención, control e erradicación da rinotraqueite infecciosa bovina (IBR).
- Programa nacional de vixilancia sanitaria da fauna silvestre: de enorme transcendencia para a vixilancia de determinadas enfermidades animais, polo seu carácter zoonótico como é o caso da tuberculose ou de gran impacto económico e en sanidade animal, como é o caso das enfermidades do gando porcino (Peste Porcina Africana, Peste Porcina Clásica, Enfermidade de Aujeszky...).
- Programas sanitarios facultativos
-
- A Consellería do Medio Rural fomenta o desenvolvemento de programas zoosanitarios nas distintas especies fundamentalmente a través das Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeira, como instrumento máis efectivo de implicación dos distintos sectores gandeiros nas patoloxías non suxeitas a programas de control oficial pero de maior interese sanitario e produtivo para estes. Nestas actuacións incrementase a formación e concienciación dos gandeiros en materia de identificación, hixiene, sanidade e benestar animal así como na trazabilidade, calidade e seguridade das súas producións.
- Plan Nacional de vixilancia da febre do Nilo Occidental: enfermidade que afecta a aves e équidos y que é transmisible ás persoas.
- Participación na Rede Galega de Vixilancia de Enfermidades Transmisibles por vectores (Regavivec), de gran importancia emerxente en sanidade animal e saúde pública humana.