Participación na Rede Galega de Vixilancia de Enfermidades Transmisibles por Vectores (REGAVIVEC)

Compartir

Ten unha gran importancia emerxente en sanidade animal e saúde pública humana.

Dentro desta rede, a Consellería do Medio Rural colabora coa Consellería de Sanidade no mantemento e xestión dunha rede de vixilancia entomolóxica sobre as principais especies de insectos transmisores de enfermidade para humanos e animais, fundamentalmente diversas especies de mosquitos e carrachas.

Existen actualmente 23 puntos de trampeo destes insectos, que son supervisados periodicamente co fin da detección e identificación das especies de artrópodos vectores implicados en diversas enfermidades de homes e animais como son por exemplo o dengue, a febre amarela, o febre do Nilo occidental (West Nile), o virus do Zika e a febre do chikungunya; así como parasitoses de grande impacto como a malaria, a filariose ou a leishmaniose

Pola súa parte, distintas especies de carrachas están  implicadas na transmisión a animais e homes de enfermidades como a Enfermidade de Lyme, Febre botonosa do mediterráneo, Anaplasmose, Babesiose, Encefalite infecciosa transmitida por carrachas, Tularemia e Ehrlichiose ou a Febre hemorráxica de Crimea-Congo.

Estas enfermidades son de unha importancia emerxente no ámbito da saúde pública pero tamén en relación coa sanidade animal, sendo necesaria unha vixilancia cada vez maior sobre elas, motivada polas modificacións dos hábitats dos insectos vectores debido aos cambios climáticos e ao enorme volume de movementos globais de persoas e animais en todo o planeta.