Campañas de saneamento: TB, BB, BOC, LEB, PCB

Compartir

Programas nacionais de erradicación de tuberculose, brucelose bovina e brucelose ovina e cabrúa. Programa de vixilancia da leucose enzoótica bovina e da perineumonía contaxiosa bovina

Desde principios da década dos anos noventa, en Galicia lévanse a cabo as coñecidas coloquialmente como “Campañas de saneamento Gandeiro, que se realzan nas explotacións de gando bovino, ovino e cabrún.

Nestas realízanse probas diagnósticas de campo e laboratoriais no marco dos programas nacionais de erradicación da tuberculose bovina e da brucelose bovina e ovina e cabrúa. Tras moitos anos de esforzo, Galicia conseguiu paulatinamente nos últimos anos o estatuto de rexión indemne destas tres enfermidades.

Unha vez alcanzado este estatuto, é necesario manter unha continúa vixilancia sobre estas enfermidades, motivo polo que o persoal dependente da Consellería do Medio Rural e/ou persoal veterinario adscrito, continúa a facer rutineiramente determinados controis de vixilancia nas explotacións de bovino, ovino e cabrún. Así, contínuanse a realizar nunha porcentaxe de explotacións as probas de intradermotuberculinización (proba da tuberculina) para a detección da tuberculose bovina e procédese á toma de mostra de sangue para a detección da brucelose bovina e ovina-cabrúa.

Así mesmo, aínda que Galicia é unha rexión oficialmente indemne de leucose enzoótica bovina e libre de perineumonía contaxiosa bovina,  existe un programa nacional anual de vixilancia oficial que debemos cumprir, polo que no marco das campañas de saneamento gandeiro, continúanse a tomar mostras nunha porcentaxe de rabaños bovinos, como sistema de vixilancia activa destas enfermidades na cabana galega.

Galicia ao longo de todos estes anos obtivo unha mellora continuada na situación sanitaria respecto a estas enfermidades, ata conseguir o estatus de rexión indemne o que supón entre outras as seguintes vantaxes::

  • Eliminación da existencia de enfermidades graves para a saúde pública e a sanidade animal.
  • Diminución da presión diagnóstica directa sobre as explotacións gandeiras
  • Redución das perdas económicas entre o sector gandeiro
  • Aumento do prestixio do sector bovino e ovino-cabrún no comercio estatal e europeo, o que inflúe no prezo de animais e produtos
  • Posibilidade de dedicar esforzos e recursos ao control doutras patoloxías de interese para o sector, ou enfermidades emerxentes, co fin de velar pola sanidade dun xeito integral.

 

Mapa do estatuto sanitario da tuberculose bovina en España - 2022