Encefalopatías esponxiformes transmisibles (EETs)

Compartir

Este programa sanitario desenvólvese a nivel estatal desde o ano 2001 tras a aparición en novembro de 2000 en Galicia do primeiro caso do “enfermidade das vacas tolas” detectado en España.  Dado o seu carácter zoonótico (enfermidade que afecta a animais e tamén a persoas), este programa lévase a cabo desde entón sobre os animais bovinos dentro do dentro do programa de vixilancia da encefalopatía esponxiforme bovina (EEB). Así mesmo, desde esa mesma data, e dado que o axente que o causa é da mesma natureza (proteína priónica infectiva) que no caso dos vacúns, lévase a cabo no gando ovino e cabrún o programa de vixilancia da encefalopatía esponxiforme nos pequenos ruminantes, tamén denominada tremor, tembladeira ou scrapie.

Ambos programas perseguen a detección de animais infectados e a posterior erradicación dos focos detectados.

A enfermidade das vacas tolas está relacionada coa alimentación de animais con pensos de orixe animal contaminados co axente causal da enfermidade. A prohibición do uso destas fariñas de carne para a alimentación animal de especies produtoras de alimentos así como a execución continuada dos programas de vixilancia e control, conseguiron unha continuada diminución da presenza destas patoloxías na cabana de animais ruminantes en toda a Unión Europea, e tamén en Galicia, desde a súa aparición no ano 2000. Paralelamente, os sistemas de vixilancia foron variando ao longo do tempo, adaptándose á favorable evolución epidemiolóxica da enfermidade e de acordo coas regulamentacións comunitarias vixentes en cada momento.

España goza do estatuto de país con risco insignificante de EEB desde maio de 2016.

De acordo coa situación de risco sanitario actual, a vixilancia destas enfermidades céntrase nas seguintes poboacións de animais bovinos:

  • Bovinos sacrificados para consumo maiores de 48 meses procedentes de países cun estatus sanitario inferior ao español
  • Bovinos mortos en explotación maiores de 48 meses
  • Bovinos relacionados con focos anteriores
  • Bovinos con sintomatoloxía compatible coa enfermidade na inspección ante-mortem no matadoiro

E en gando ovino e cabrún:

  • Ovinos sacrificados para consumo maiores de 18 meses
  • Ovinos e cabrúns mortos en explotación maiores de 18 meses
  • Ovinos e cabrúns relacionados con focos de EETs

Os animais destas poboacións son sometidos á toma de mostras de cerebro para a súa investigación e detección de EETs no laboratorio. Anualmente analízanse mostras de aproximadamente 20.000 animais, 19.500 bovinos e aproximadamente 500 ovinos e cabrúns.