Enfermidade de Aujeszky

Compartir

A Enfermidade de Aujeszky, está causada por un herpesvirus moi difusible  que afecta ao gando porcino, causando principalmente síntomas respiratorios, nerviosos ou reprodutivos. Ten gran importancia debido a que a nivel da Unión Europea existen numerosos países e territorios libres desta doenza que poden impoñer trabas comerciais ao noso comercio de animais porcinos vivos ou os seus produtos. Igual circunstancia acontece co comercio de porcino cara a países terceiros.

Estas razóns motivaron a existencia desde o ano 1995 de sucesivos reais decretos que establecían a existencia dun programa coordinado de loita, control e erradicación da Enfermidade de Aujeszky.

O citado programa baséase principalmente no establecemento das seguintes medidas obrigatorias:

  • Establecemento dun programa vacinal
  • Realización de controis sanitarios periódicos nos animais
  • Establecemento de cualificacións sanitarias oficias das explotacións (A0 a A4)
  • Condicións para os movementos de animais

O programa execútase nas explotacións industrias, a través dos veterinarios das Agrupacións de Defensa Sanitaria e veterinarios de explotación autorizados, e nas explotacións reducidas mediante o persoal veterinario da Consellería do Medio Rural.
O cumprimento estrito do programa de control fixo que Galicia en 2008, fora unha das primeiras comunidades autónomas relevantes no sector porcino que acadara prevalencias moi baixas da enfermidade, e que fora incluída como rexión con programa aprobado pola Unión Europea e polo tanto incluída no Anexo II da Decisión 2008/185CE. En Galicia non foi notificado ningún caso de enfermidade  desde fai máis de 10 anos.

A consecuencia desto, Galicia conta con todas as súas comarcas veterinarias nun nivel de prevalencia do 0% desde o ano 2009, de acordo cos criterios establecidos no vixente Real Decreto 360/2009, de 23 de marzo, polo que se establecen as bases do programa coordinado de loita, control e erradicación da Enfermidade de Aujeszky..

Este estatus sanitario, ademais do positivo significado sanitario en si, posibilita que as explotacións de porcino de Galicia estean exentas da posuir a atestación sanitaria (Documento Veterinario Responsable, DVR) en relación con esta enfermidade, esixible para o comercio de produtos de porcino con terceiros países, de acordo co especificado no  Real Decreto 993/2014, de 28 de novembro, polo que se establece o procedemento e os requisitos da certificación veterinaria oficial para a exportación.

Se ben, a situación sanitaria da cabana porcina doméstica galega en relación con esta enfermidade é moi positiva, en poboacións de xabaríns silvestres si existe certa presenza do virus causante, o que fai que os nosos produtores de gando porcino, e sobre todo aqueles que conten con instalacións ao aire libre o con aproveitamento de pastos, estremen as medidas de bioseguridade das explotacións evitando o contacto dos porcos domésticos cos xabarís.