Influenza aviaria

Compartir

A Influenza aviaria é, xunto coa Enfermidade de Newcastle, a patoloxía máis importante para as explotacións avícolas, tanto polos elevados niveis de morbilidade e mortalidade que producen como polas importantes restricións comerciais que a súa presenza implica para o sector da avicultura.
Desde o ano 2003 lévase a cabo, tanto en Galicia como no resto do Estado, o Programa de vixilancia da influenza aviaria en España, tanto sobre as aves domésticas como sobre as aves silvestres.
Os estudos epidemiolóxicos realizados ata a data de hoxe sobre esta enfermidade concluíron a gran importancia que teñen as aves silvestres migratorias, e dentro destas principalmente as acuáticas (anátidas e mais familias próximas), na transmisión da enfermidade a outras especies avícolas silvestres ou domésticas.

A situación epidemiolóxica en relación á influenza aviaria está en constante vixilancia en todos os países da Unión Europea. A análise dos focos desta enfermidade comunicados polos países da Unión Europea e outros países europeos do entorno durante o 2021 e 2022 tanto en aves domésticas como en silvestres, constatou un aumento do risco de difusión do virus en Europa.

Desde principios do ano 2022 e ata a data actual, o serotipo predominante en Europa é o H5N1, causante de alta mortalidade e morbilidade (contaxio) nas aves, aínda que que o seu potencial zoonótico (transmisión ás persoas) é escaso. Ademais, é necesario sinalar que non existe risco polo consumo de produtos avícolas.

En decembro de 2022, tras a análise continua de risco levada a cabo en Galicia e no resto do Estado, elevouse o aumento do risco de aparición da influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP) no noso territorio.

Como consecuencia deste aumento de risco, adoptáronse naquel momento unha serie de medidas sanitarias que afectaban aos concellos incluídos nas denominadas zonas de especial vixilancia (ZEV) e zonas de especial risco (ZER) establecidas na Orden APA/2442/2006, de 27 de xullo, pola que se establecen medidas específicas de protección en relación coa IAAP.

En Galicia, estas zonas son:
Zona de Especial Risco (ZER): concellos de Sanxenxo, O Grove, Meaño, Ribadumia, Cambados, A Illa de Arousa e Vilanova de Arousa.
Zona de Especial Vixilancia (ZEV): Na Coruña: Ortigueira, Cariño, Rianxo, Ribeira, Porto do Son, Dumbría, Mazaricos, Vimianzo, Zas,
En Lugo: Ribadeo, Trabada,
En Ourense: Vilar de Santos, Sandiás, Porqueira, Xinzo de Limia, Rairiz de Veiga,
En Pontevedra: A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Pontevedra, Soutomaior, Redondela, Moaña, Vilaboa, Marín, Vilagarcía de Arousa, Meis, e Poio.

En maio do 2023 considérase concluído o período migratorio das aves silvestres invernantes procedentes do Norte e Centro de Europa, que constitúen o principal vehículo de transmisión desta doenza ás especies de aves domésticas e silvestres autóctonas. Por outra banda, no rexistro de focos notificados desta enfermidade, tanto en aves silvestres como en domésticas, detéctase nas últimas semanas un paulatino descenso en todos os países da Unión Europea, incluído España.

Ante esta situación epidemiolóxica, a análise continua de risco concluíu nunha significativa diminución do mesmo polo que o 11 de maio de 2023 acordouse o levantamento de varias medidas de restrición sanitaria vixentes en España desde decembro de 2022 nas citadas zonas ZER e ZEV.


Así, a situación a partir do 11 de maio 2023 é a seguinte:

Nos concellos incluídos na zona ZER:

  • Permítese a cría de aves ao aire libre sempre que se alimente e subministre auga ás mesmas no interior das instalacións, ou de xeito que se impida o contacto das aves silvestres coa auga ou alimento destinados ás aves domésticas.
  • Continúa prohibida a cría de parrulos, ocas e gansos xunto con outras especies de aves de curral.
  • Continúa prohibido darlles ás aves de curral auga procedente de depósitos superficiais, fontes ou outras orixes nas que puideran ter acceso as aves silvestres, salvo que a auga fora sometida a un tratamento de hixienización que garanta a inactivación de posibles virus da influenza aviaria.
  • Os depósitos de auga de subministro para as aves domésticas, que puidera haber no exterior, deben continuar protexidos para impedir que poidan acceder as aves silvestres ou as súas dexeccións.
  • Continúa prohibido o uso de reclamos de caza con aves do tipo anátidas (parrulos ou similares) e charadriiformes (gaivotas e similares).

Nos concellos incluídos na zona ZEV e o resto de territorios da Comunidade Autónoma, a única medida que continúa vixente é:

  • A autorización previa pola Consellería do Medio Rural da celebración de calquera tipo de concentración de aves de curral.

A diminución do risco de aparición da IAAP non significa que o risco non exista, por iso é importante continuar mantendo medidas de bioseguridade en todas as explotacións avícolas, orientadas a evitar o contacto directo ou indirecto das aves domésticas coas aves silvestres e especialmente con aves silvestres acuáticas e dentro delas coas anátidas (parrulos e especies afíns).

Para elo cómpre entre outras medidas:

  • Protexer os comedeiros e os bebedeiros das aves de curral así como os depósitos de auga ou de pensos, evitando que accedan a eles as aves silvestres.
  • Evitar darlle de beber ás aves de curral auga á que puideran ter accedido aves silvestres.
  • Evitar criar parrulos, gansos ou ocas xunto con outras especies de aves de curral.
  • Instalar sistemas de protección nas fiestras (malas paxareiras) e ter pechados os ocos polos que poidan penetrar aves silvestres ao interior dos aloxamentos das aves (xuntas, canalóns, tellados).
  • Ter limpo de maleza e restos da actividade gandeira dous metros arredor do perímetro das naves.
  • Limitar ao mínimo imprescindible as visitas, tanto de persoas como de vehículos.
  • Non soltar as aves de curral en terreos preto de charcas, encoros ou outros humedais onde exista presenza de aves silvestres migratorias, especialmente se son anátidas.
  • O persoal traballador en granxas avícolas comerciais que posúan tamén unha explotación avícola de tipo familiar, deben evitar ter contacto con aves dunha e outra explotación sen previamente tomar as axeitadas medidas de bioseguridade (lavado de roupa, lavado de mans...), especialmente se as aves do galiñeiro familiar teñen posibilidade de contactar con aves silvestres.
  • Igualmente estas persoas, se realizan actividade cinexética de caza menor de aves, deben manter as adecuadas prácticas de bioseguridade unha vez finalizada a actividade cinexética, procurando no entrar en contacto coas aves domésticas da súa propiedade ou lugar de traballo.

Ademais, existe a obriga da notificación de xeito inmediato aos Servizos Veterinarios Oficiais (SVO) da sospeita da aparición dun foco de Influenza Aviaria. En particular, segundo o establecido na Orden APA/2442/2006, pola que se establecen medidas específicas de protección en relación coa influenza aviaria, no caso de que se detecte algún dos seguintes signos na explotación:

  • Caída do consumo do penso e da auga superior ao 20 %.
  • Caída na posta de ovos superior ao 5 % durante máis de 2 días seguidos.
  • Mortalidade superior ao 3 % durante una semana, sen causa xustificada.
  • Calquera signo clínico ou lesión post-mortem compatible coa influenza aviaria.

Esta obriga da comunicación aos SVO tamén debe realizarse no caso de detección de calquera signo de enfermidade ou mortalidade en aves silvestres, en particular  nas acuáticas, e que poida ser sospeita de IAAP. Neste caso as comunicacións realizaranse a través do servizo do 012.

A continuación engádense ligazóns a documentos de interese relacionados:

Ademais, na seguinte ligazón da páxina web do MAPA poderá atopar máis información e documentos de interese relacionados coa Influenza aviaria: