Seguridade alimentaria

Compartir

A seguridade alimentaria nas producións gandeiras debemos entendela como un conxunto de accións nas que operadores e establecementos, concretamente de ganderías, fabricas de pensos, almacéns, transportistas, medicamentos veterinarios,  subprodutos animais, etc, e administracións, por medio dos autocontrois os primeiros e mediante o rexistro, autorización de actividades e establecementos e o control oficial, as segundas, garanten que as producións animais son sas, seguras para o consumidor e non teñen limitacións comerciais dentro da Unión Europea e mesmo na exportación a terceiros países. 

O control oficial articúlase sobre A existencia dun Plan nacional de control  multianual e obrigatorio en todos os Estados membros da Unión Europea, de acordo co Artigo 41 do Regulamento (CE) nº 882/2004, do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, sobre os controis oficiais para garantir a verificación do cumprimento da lexislación en materia de pensos e alimentos e a normativa sobre sanidade animal e benestar dos animais. Este é o Plan Nacional de Control da Cadea Alimentaria.

As actuacións en materia de seguridade alimentaria nas producións gandeiras desenvólvense en distintos ámbitos, aínda que todos eles relacionados entre si e finalmente relacionados coa seguridade dos produtos de orixe animal obtidos nas granxas. Isto responde ao feito do concepto de «Produción primaria» que é a produción, cría ou cultivo de produtos primarios, con inclusión da colleita, o muxido e a cría de animais de abasto previa ao seu sacrificio. Por tanto o ámbito do rexistro e autorización de establecementos e actividades e o seu control oficial vai mais alo do control oficial nas gandarías, extendéndose a aqueles sectores intimamente relacionados coa actividade gandeira tales como a alimentación animal, os medicamentos veterinarios, os veterinarios en exercicio, os subprodutos animais non destinados ao consumo humano (SANDACH) sen esquecer programas específicos como o control oficial do leite cru, e o Plan Nacional de Investigación de Residuos (PNIR).