Medio Rural
Inicio >> Anuncios >> Avisos >> Rematados >> Alimentación >> Aviso
  • Aviso rematado
Data comezo: 25-09-2007

Homologado o contrato-tipo de compravenda de uva para viño na D.O. Ribeira Sacra
[25/09/2007]

Orde do 18 de setembro de 2007 pola que se homologa o contrato-tipo de compravenda de uva para a súa transformación en viño da denominación de orixe Ribeira Sacra para as campañas 2007, 2008 e 2009.

Aprobada a homologación do contrato-tipo de compravenda de uva para a súa transformación en viño na zona de produción da Denominación de Orixe Ribeira Sacra para as campañas 2007, 2008 e 2009. De acordo co estipulado, adhírense a esta proposta un total de tres sindicatos agrarios e quince adegas.

Os contratos terán unha duración de tres anos dende a súa sinatura e comezarán a aplicarse a partir de mañá, procedendo á súa revisión anualmente e podendo rescindirse antes do 31 de xullo de cada ano por acordo mutuo entre as partes implicadas.

A orde aprobada hoxe establece unha serie de condicións de calidade que debe reunir a uva recolleitada, como ter unha cor natural, un bo sabor e unha textura firme ou conservar as calidades organolépticas que definen esta variedade, así como a obriga de posuír todas as propiedades fisicoquímicas que permiten obter viños de calidade coas características protexidas por esta denominación de orixe.

Os prezos mínimos de referencia que pagará o comprador para a variedade mencía son, en función do grao potencial da uva e dos euros por quilogramo, 0,90 € (11,5º); 1 € (12º); 1,10 € (12,5º); 1,20 € (13º) e 1,30 € (13,5º).

Sobre este prezo aplicarase anualmente e de forma acumulativa unha revisión en base ao Índice de Prezos de Consumo. A esta cantidade, ademais, hai que engadirlle o imposto de valor engadido (IVE).


Máis información
arquivocont_rs_070809.pdf (47 Kb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS