Medio Rural
Inicio >> Anuncios >> Avisos >> Rematados >> Desenvolvemento rural >> Aviso
  • Aviso rematado
Prazo: 12-06-2008 ao 12-07-2008

Premio Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural 2008
[12/06/2008]

Resolución do 21 de maio de 2008 pola que se aproba o Regulamento do premio Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural e se convoca o premio correspondente ao ano 2008.

Obxecto
O premio Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural poderase conceder aos promotores daquelas iniciativas que, no seo da Comunidade Autónoma de Galicia, contribúan de xeito singular á promoción do medio rural e á xeración dunha sociedade rural máis dinámica e cohesionada. Os proxectos deberán estar executados previamente á data de publicación da convocatoria anual do premio. Non se poderán presentar aquelas iniciativas que:

  • Obtivesen premio nalgunha das anteriores edicións do premio Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural, ou do premio Agader ao embelecemento do medio rural.
  • Que na data de publicación da convocatoria do premio se encontren en fase de execución ou deseño.

Destinatarios
Poderán presentar candidaturas ao premio Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas. Así mesmo, poderán presentar candidaturas as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado, mesmo carecendo de personalidade xurídica.

Criterios de valoración
Os premios outorgaranse ás iniciativas que se adecuen aos requisitos exixidos neste regulamento, conforme os seguintes criterios de valoración:

  1. Grao de contribución á xeración dun contorno máis dinámico e cohesionado no territorio de influencia da iniciativa.
  2. Grao de participación dos axentes do territorio na definición e desenvolvemento da iniciativa.
  3. Grao de exemplaridade da iniciativa para a súa replicación noutros territorios rurais.
  4. Grao de consolidación da iniciativa.
  5. Grao de innovación.
  6. Grao de contribución á inserción de colectivosou persoas socialmente desfavorecidas.
  7. Grao de contribución á mellora do ambiente e ao desenvolvemento sustentable do medio rural.

Premios
O xurado poderá conceder as seguintes categorías de premios:

  • Primeiro premio
  • Segundo premio
  • Terceiro premio

Existe tamén un premio especial a proxectos realizados por mozos e/ou mozas, ou que teñan este colectivo poboacional como principal beneficiario. Para estes efectos, terán a consideración de mozos ou mozas os que teñan 35 anos ou menos na data de finalización do prazo de presentación da candidatura ou, no caso de agrupación, sociedade ou asociación, cando polo menos o 25% dos seus membros cumpran este requisito.

O xurado poderá declarar deserto calquera dos premios. Así mesmo, poderá acordar a concesión compartida dun premio entre varias candidaturas.

  • O primeiro premio constará dun diploma e unha dotación en metálico de 25.000 euros.
  • O segundo premio constará dun diploma e unha dotación en metálico de 14.000 euros.
  • O terceiro premio constará dun diploma e unha dotación en metálico de 6.000 euros.
  • O premio especial para mozos e/ou mozas constará dun diploma e unha dotación en metálico de 15.000 euros.

Prazo
O prazo para presentar as solicitudes será de 30 días naturais contados desde o seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG.

Máis información no documento anexo e na web de Agader.


Máis información
arquivopremio_agader_08.pdf (102 Kb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS